A Biblioteca Municipal de Foz organiza a Programación das Letras para conmemorar os días do Libro e das Letras Galegas.

A Biblioteca Municipal de Foz organiza a Programación das Letras para conmemorar os días do Libro e das Letras Galegas.
 
O Concello de Foz, a través da biblioteca pública municipal, organiza a Programación das Letras para conmemorar o Día do Libro, que se celebra o 23 de abril, e o Día das Letras Galegas, que é o 17 de maio.
O primeiro acto da programación será o denominado Rosalía nas Ondas, en colaboración con Radio Foz, que se desenvolverá o vindeiro martes, día 24 de febreiro, de 17 a 19 horas.
O sábado 7 de marzo ás 20 horas haberá o Festival dos Namorados, no que actuará o dúo do violinista Mijail Moriatov, que estará acompañado por un violonchelista e ofrecerá un concerto con música de F. Schubert, G. Verdi e J. Brahms. No mesmo acto entregaranse os premios aos galardoados no XIV Certame de Poemas de Amor.
Tamén haberá un obradoiro de banda deseñada para mozos a cargo “dun dos mellores da ilustración e do humor gráfico, como é Xosé Tomás, autor de Nómades e das ilustracións do libro Verdedades, de Yolanda Castaño, entre outros moitos”, explicou a bibliotecaria municipal, María Jesús Álvarez Sánchez. Será o 23 de abril, venres, ás 11:30 horas.
A bibliotecaria tamén anunciou que “contaremos con Raquel Queizás, toda unha profesional do teatro  que formou parte do elenco de compañías como Os Monicreques de Kukas, A Xanela do Maxín e Galitoon, que nos traerá A maleta da avoa, un espectáculo de contacontos con obxectos e monicreques para nenas e nenos a partir de 3 anos”. Este acto está programado para o 15 de maio, venres, ás 18 horas.
A organización destas actividades agradece a colaboración da Consellería de Cultura, a través do programa Ler conta moito.