A exposición "Imaxes con Fondo", que se pode ver en Xove ata o 15 de agosto, promove actitudes solidarias e respectuosas. A vindeira semana haberá un obradoiro de fotografía.

A exposición "Imaxes con Fondo", que se pode ver en Xove ata o 15 de agosto, promove actitudes solidarias e respectuosas. A vindeira semana haberá un obradoiro de fotografía.
 
A exposición ‘Imaxes con Fondo’, xurdida do primeiro concurso fotográfico organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, amósase ata o 15 de agosto no Centro Cívico de Xove. O Concello, como socio da entidade municipalista, organiza ademais o día 9 un obradoiro de fotografía social impartido polo gañador da segunda edición do certame, Felipe Carnotto. A inscrición é de balde e pode formalizarse no Centro Xuvenil, onde se realizará a actividade ás 10 horas, ou chamando ao 982 571 816.
 
O programa do obradoiro, dirixido a mocidade de doce anos en diante, abordará a imaxe como ferramenta do cambio social, a historia da fotografía documental, a definición do fotoxornalismo ou o respecto polas persoas fotografadas. Visionarase asemade o traballo realizado por Carnotto en Nicaragua, durante a viaxe que gañou para visitar os proxectos do Fondo Galego, e mais na ruta das persoas refuxiadas. A sesión incluirá actividades prácticas nas que o alumnado tirará as súas propias fotografías co seu teléfono móbil.  
 
Do mesmo xeito, a mostra ‘Imaxes con Fondo’ busca promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe. Deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, está conformada por 19 obras que concursaron na primeira edición do certame. A exposición resultante aposta polas condutas respectuosas coa contorna e coas persoas que nela habitan. A solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, a protección ambiental, o consumismo, a prostitución, a explotación laboral, a crise alimentaria e as desigualdades Norte-Sur son algunhas das temáticas abordadas.
 
Nestes intres está en marcha a terceira edición do concurso Imaxes con Fondo, que á habitual sección de fotografía suma un novo apartado para vídeos, coa interculturalidade como temática central. Na categoría de persoas adultas o primeiro premio será unha viaxe a Mozambique co fin de realizar un traballo sobre a realidade do país lusófono e os proxectos alí apoiados. A categoría xuvenil, dirixida a mocidade de entre 14 e 17 anos, está dotada cunha cámara de fotografía e vídeo. O prazo para enviar as obras remata o 15 de outubro.
 
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.
 
Hoxe día 3 de agosto visitaron a Exposición os asistentes ao programa Xove Activo, organizado dende a OMIX. A exposición encóntrase no sala de exposicións do Salón de Actos do Centro Cívico de Xove en horario de 10:00 a 21:00 de luns a domingo dende o día 1 ao 15 de agosto.