A Mancomunidade de Municipios da Mariña deu a coñecer na Escola de Hostalería de Foz os Menús Arte_Sans, que se poderán degustar en varios restaurantes da comarca a partir do 18 de abril.

A Mancomunidade de Municipios da Mariña deu a coñecer na Escola de Hostalería de Foz os Menús Arte_Sans, que se poderán degustar en varios restaurantes da comarca a partir do 18 de abril.
 
O tesoureiro da Mancomunidade de Muncipios da Mariña, Javier Castiñeira, asistiu esta na Escola de Hostalería de Foz á presentación dos Menús Arte_Sans. A iniciativa da Mancomunidade porase en marcha o vindeiro sábado, 18 de abril, en 10 restaurantes da comarca, que servirán os seus menús en pezas elaboradas para a ocasión por doce artesáns mariñáns. O proxecto foilles explicado esta mañá aos alumnos e alumnas do centro por Javier Castiñeira e polo coordinador dos Menús Arte_Sans, Lucas Requejo.
Castiñeira indicou que “cos Menús Arte_Sans a Mancomunidade de Muncipios da Mariña quere promocionar a nosa hostalería desde o punto de vista dos nosos artesáns, que están a facer de verdadeiros guías turísticos da riqueza desta comarca. Fixemos hoxe esta presentación nun centro importante da Mariña, como é a Escola de Hostalería de Foz, que durante estes últimos anos está a ser un referente en Galicia. E qué mellor sitio para dar a coñecer este proxecto, no que se vincula a artesanía coa propia hostalería, coa propia cociña e do que se trata é de que os hostaleiros participantes da Mariña poidan servir os seus pratos, as súas propostas, en obras de artesáns desta comarca”.
O tesoureiro da Mancomunidade subliñou a promoción conxunta que se realiza grazas aos Menús Arte_Sans e “a promoción conxunta tamén que se fai desde hai anos desde a Mancomunidade de Municipios da Mariña, presidida por Alfonso Fuente Parga, alcalde de Barreiros, que está a facer un traballo excepcional e que cremos que está a funcionar porque A Mariña máis que nunca está a brillar turísticamente. Agora mesmo esta comarca é un destino dos importantes de Galicia, estámolo a ver nos nosos pobos, que durante a pasada Semana Santa estiveron a tope de ocupación”.
Javier Castiñeira aludiu á importancia de dar a coñecer os Menús Arte_Sans “dentro dun todo que é A Mariña e que os pratos elaborados polos hostaleiros participantes se sirvan en pezas de artesanía, feito que contribuirá a que se resalten máis” e agradeceu “aos propios directivos da Escola de Hostalería de Foz que, coma sempre, se brindan a acoller estas actividades”. 
Lucas Requejo, coordinador dos Menús Arte_Sans, foi o encargado de explicar o proxecto polo miúdo aos alumnos e alumnas do centro para que “coñezan en primicia un novo xeito de promocionar A Mariña, facendo uso da súa artesanía e tamén da  gastronomía local”. 
Dez restaurantes serán os encargados de amosar o traballo dos artesáns durante 5 semanas (dende o 18 de abril ata o 24 de maio) e tamén do seu propio traballo, xa que ofrecen os menús con produtos propios do mar e da terra  servidos sobre a propia artesanía. 
Os Menús Arte_Sans da Mancomunidade de Municipios da Mariña presentáronse nun acto que se desenvolveu o pasado 12 de marzo en Finca Galea, en Alfoz, e ao que asistiron hostaleiros, artesáns e autoridades.