A programación cultural de Foz para este mes de xullo segue cun curso de piano, os concertos "Sons na rúa" e o Festival Vrao.

A programación cultural de Foz para este mes de xullo segue cun curso de piano, os concertos "Sons na rúa" e o Festival Vrao.
 
A programación cultural para este mes de xullo en Foz continúa esta semana coa celebración dun curso de piano e varios concertos.
 
Hoxe, luns, dá comezo un curso de técnica e interpretación de piano impartido por Elisa Rapado. Este curso rematará maña, martes, 5 de xullo. Para a vindeira semana está prevista a celebración dun curso de técnica e interpretación de guitarra, que correrá a cargo de Fernando Pérez. Esta actividade dará comezo o luns, 11 de xullo, e prolongarase durante os días 12 e 13 de xullo. O prezo de inscrición nestes cursos é de 25 euros e os interesad@s poden obter máis información na Escola de Música de Foz.
 
Na programación cultural para esta semana en Foz figuran ademais dous concertos. O primeiro deles será o venres, día 8, e correrá a cargo da Rondalla Latexos. Comezará ás 21:00 horas no parque Rosalía de Castro e está incluído na XI edición de Sons na Rúa, que xa deu comezo o pasado venres.
 
O segundo concerto programado para esta semana terá lugar o sábado, día 9, co que continuará o festival Vrao que tamén xa comezou o pasado sábado. Organizado por Ó! Cultural será entre ás 21:00 horas e as 2:00 da madrugada na Praza do Conde Fontao. Actuarán Peña, Musel, Pablo Seijas, Dois e Linda Guilala.