A segunda edición dos Menús Arte_sáns desenvolverase do 1 ao 20 de abril. Na cita participan 10 artesáns e 10 restaurantes da Mariña lucense.

A segunda edición dos Menús Arte_sáns desenvolverase do 1 ao 20 de abril. Na cita participan 10 artesáns e 10 restaurantes da Mariña lucense.
 
Do 1 ao 20 de abril terá lugar a segunda edición dos Menús Arte_sáns, que organiza a Mancomunidade para promocionar A Mariña a través da cultura e da tradición. Nesta ocasión serán 10 os restaurantes e 10 tamén os artesáns de toda a comarca os que participen nesta cita. 
 
En abril de 2015, a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense puxo en marcha a I edición dos Menús Arte_sáns, unha iniciativa gastronómica e cultural, coa que se pretende promocionar A Mariña Lucense, a través da cultura e da tradición, tanto artesá como gastronómica. 
 
Este ano, a Mancomunidade volve apostar por este proxecto, nun ano ademais no que ten moito máis significado, xa que a Mancomunidade figura como finalista nos Premios Nacionais de Artesanía na categoría Promociona para entidades públicas, un premio que se fallará o vindeiro 31 de Marzo en Madrid, no Ministerio de Industria, Energía y Turismo e no que se recoñece a labor de divulgación e de promoción da artesanía da Mariña Lucense por parte do órgano de xestión.
 
Os Menús Arte_sans, polo tanto, son un proxecto turístico que ten como obxectivo principal “presentar unha Mariña feita de oficios artesáns e de gastronomía, unha mostra da tradición e da cultura que dan lugar á nosa forma de vida, para que se experimente de forma distinta e para gozala cos todos os sentidos”.
 
Do 1 ao 20 de abril, dez artesáns van poñer os seus traballos enriba da mesa e dez restaurantes van servir eses menús nesas pezas únicas en cada local. Con esta medida o que se pretende é contribuír á desestacionalización do turismo en tempada baixa á vez que se favorece o coñecemento da cultura local da Mariña Lucense a través dos seus oficios tradicionais e da súa gastronomía. 
 
Os dez artesáns que participan nesta iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña son Otero Regal (ceramista de Viveiro), Miriam (ceramista de Viveiro), Francisco Fra (carpinteiro de ribeira de San Cibrao), Estéfano Gudín (ceramista de Cervo), as Redeiras de Burela, Lucía Catuxo (ceramista de Trabada), José Rodil (navalleiro de A Pontenova), Regina (restauradora de Mondoñedo), Miguel Ángel (carpinteiro de Mondoñedo) e Pilar Maravalla (artista de Ribadeo). E dez restaurantes da comarca (Area Grande, O Pantalán, O Asador, Río de Oro, Nordés, Casa Damián, Casa Franco,  La Yenka, Parador de Turismo de Ribadeo e La Solana) servirán as súas propostas gastronómicas nestas creacións do 1 ao 20 de abril. 
 
Esta iniciativa conta cunha páxina web na dirección www.menusartesans.com