A VII Carreira Popular de Foz celebrarase o 15 de agosto. O trazado para as categorías absolutas será de 7 quilómetros, un máis que o ano pasado.

A VII Carreira Popular de Foz celebrarase o 15 de agosto. O trazado para as categorías absolutas será de 7 quilómetros, un máis que o ano pasado.
 
A Carreira Popular de Foz, que este ano chega á súa 7ª edición, celebrarase o próximo 15 de agosto con algunhas novidades, como un percorrido máis longo -7 quilómetros en total- que aproveita mellor o casco urbano e o control do tempo dixitalizado por microchip.  
A carreira comezará ás 10:30 horas coas categorías infantís, unha para nenos menores de 8 anos, que correrán 150 metros “unha categoría non competitiva, todos levarán un agasallo”, indica Manuel Eiras, representante de Run Foz Run, colectivo organizador do evento xunto ao Concello. 
“Hai outra categoría de benxamín-alevín”, sinala Eiras, “cun circuíto de 800 metros pola zona do porto de Foz. Esta si que é competitiva, con trofeos para os tres primeiros clasificados. Logo hai outra categoría, infantil-cadete, de 2 quilómetros tamén na zona do porto”.
Ás 11:30 horas comezará a carreira absoluta, con categorías de sénior, veterano A, B, C, que terá un percorrido total de 7 quilómetros. “O ano pasado foi de 6, pero este ano quixemos ampliar un pouco o circuíto máis de cara ao espectáculo para que pase pola zona central de Foz, que estes días hai moita xente é e vistoso para a carreira”, argumenta Eiras. 
As categorías infantís son gratuítas. No caso das absolutas, para maiores de 16 anos, a tarifas para os participantes son de 3 euros “e un quilo de alimentos non perecedeiros para unha causa solidaria. Toda a comida que se recolla irá doada ao banco de alimentos de Foz”. Por eses 3 euros cada corredor recibirá unha bolsa que levará unha camiseta técnica de regalo,  unha subscrición de tres meses á revista online Corricolari, así como bebidas: Aquarius, auga ou barriñas enerxéticas.
“A posible descarga de fotos e vídeos correrá a cargo doutra revista que está agora en auxe que se chama Run Online”, asegura Manuel Eiras. 
O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, asegurou que a Carreira Popular de Foz é realidade un ano máis grazas “a unha organización marabillosa” e recalcou as súas novidades, “entre eles as charlas técnicas, pero sobre todo o control de tempos dixitalizado mediante microchip que van poder ter todos os participantes. Estou moi contento coa organización e cos compañeiros, en concreto Manuel Eiras, o rapaz que esta levando o peso da realización deste evento no que participa como organizador o Concello. Agradecemos a todos os colaboradores e patrocinadores porque sen eles sería imposible”.
As charlas técnicas terán coma protagonista a Óscar Buján, subcampión do mundo de biatlón. Será o 14 de agosto no colexio Martínez Otero. Ao día seguinte participará tamén na Carreira Popular de Foz. 
A cita comeza ás 10:30 horas no colexio Martínez Otero. Castiñeira recomenda “facer a inscrición antes do día da carreira. É moito mais fácil, chegas, recibes o chip e non tes que agardar cola e non se producen retrasos”. As inscricións pódense facer no Centro Óptico Eliseo, no colexio Martínez Otero e na Casa da Xuventude e tamén a través da web carrerasconencanto.com 
Castiñeira engadiu: “desexámoslles moita sorte a tod@s. Este ano o trazado incrementou un pouco a súa parte urbana, é un trazado de 7 quilómetros, moi bonito, gustou moito o ano pasado e este ano incrementase un mais. Un día de verán, sábado, que mellor que facer un pouco de deporte, incluso coa familia, o percorrido é sinxelo e permite gozar da oferta deportiva do noso concello”.