A XXXI Feira do Libro de Foz celebrarase do 18 ao 21 de agosto. Haberá un total de 8 stands, que abrirán de 17:30 a 22 horas.

A XXXI Feira do Libro de Foz celebrarase do 18 ao 21 de agosto. Haberá un total de 8 stands, que abrirán de 17:30 a 22 horas.
 
Foi presentada na Casa da Cultura de Foz a XXXI edición da Feira do Libro que terá lugar dos días 18 ao 21 deste mes. O número de stands case duplica o do pasado ano cun total de 8, que permanecerán abertos entre as 17:30 e as 22:00 horas.
 
O alcalde de Foz, Javier Castiñeira, subliñou nesta presentación que “desde o Concello de Foz estamos unha vez máis moi agradecidos á Federación de Libreiros especialmente como organizadora da XXXI edición da Feira do Libro de Foz, pero tamén a todas aquelas administracións neste caso Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, e o propio Concello, pero tamén ao Centro Comercial Aberto de Foz, porque grazas a súa axuda a Feira do Libro chega a súa XXXI edición e fan que haxa un programa moito máis amplo que outros anos”.
 
O rexedor focense engadiu: “sobre todo estamos especialmente contentos porque é un ano no que as Letras Galegas teñen un especial significado para o concello de Foz, posto que están dedicadas ao poeta Manuel María, un focense de adopción, como dicimos aquí porque tiña unha vinculación moi ampla co noso concello. Aínda que nado na Terra Chá tiña aquí bos amigos e a Foz dedicou moitos versos e moitas obras, do cal nos sentimos tremendamente orgullosos”.
 
Javier Castiñeira sinalou que “os días que se celebran a Feira do Libro aquí, en Foz, do 18 ao 21 de agosto, é unha verdadeira honra que poidamos celebrar esa homenaxe a este autor chairego, Manuel María, que consideramos un focense máis”.
 
O alcalde de Foz salientou que “o programa é amplísimo e en xeral todas as administracións se involucraron moito; en concreto, no que respecta ao Concello de Foz a contía case se duplica, de 3.000 a 5.000 euros de financiamento. A implicación da Federación de Libreiros é moi boa este ano, conseguindo subir un sesenta por cen a participación de libreiros nesta feira pasando de cinco a oito casetas. Contentos tamén porque se incremente moito o número de actividades”.
Javier Castiñeira quixo “lembrar que é unha Feira do Libro diferente, que está aberta pola tarde, a partir das cinco e media, e ata as dez da noite; e non deixa de ser un clásico máis dentro do verán de Foz”.
 
O alcalde focego fai fincapé en “animar a todo o mundo a que se achegue a mercar libros a Foz, a tocar e percibir cultura e encher a zona da praza Conde de Fontao, onde se localiza normalmente esta feira. Animar a todo o mundo a que participe e merque libros, como nos gusta nesta feira”.