Ata o 11 de xaneiro pódese ver na OMIC, en Ribadeo, unha exposición sobre o Camiño Norte.

Ata o 11 de xaneiro pódese ver na OMIC, en Ribadeo, unha exposición sobre o Camiño Norte.
 
Ata o 11 de xaneiro pódese visitar unha exposición sobre o Camiño Norte na Sala de Exposicións da OMIC (oficina municipal de información ao consumidor), onde tamén se encontran as dependencias da oficina de turismo. O concelleiro Farruco Graña dixo que “de paso que nos achegamos ao parque de San Francisco para ver a feira de Artesanía, ou máis adiante para visitar o parque infantil ou a pista de xeo, poderemos tamén achegarnos á Sala de Exposicións da OMIC e contemplar unha exposición sobre o Camiño Norte que nos achega ata Ribadeo o Instituto de Estudos Chairegos, de Vilalba”.
O edil nacionalista explicou que “esta entidade ten como fin a investigación, o estudo, a conservación, a defensa e a difusión da Cultura Galega, especialmente no que se refire á lingua, á historia e ás súas tradicións en xeral, e da Terra Chá en particular. Como non podía ser menos, o seu interese tamén se había de fixar no Camiño Norte, hai pouco recoñecido como patrimonio cultural da humanidade, e que abre as súas portas en Galiza no noso concello de Ribadeo”.
Farruco Graña engadiu que “a exposición ten un claro compoñente visual acompañado de breves textos explicativos que nos introducen no patrimonio etnográfico, arquitectónico e artístico que peregrinos, e visitantes en xeral, podemos contemplar percorrendo as sendas xacobeas. Cun breve paseo polas dependencias da OMIC, ao abeiro de séculos de historia, poderemos repasar as principais achegas do Camiño Norte ata o 11 de xaneiro en horario de atención ao público en turismo”. A exposición foi inaugurada o pasado venres, 4 de decembro.