Ata o 20 de abril poden degustarse os Menús Arte_sans en dez restaurantes da comarca por iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña.

Ata o 20 de abril poden degustarse os Menús Arte_sans en dez restaurantes da comarca por iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña.
 
Os Menús Arte_sans son un proxecto turístico que ten como obxectivo principal “presentar unha Mariña feita de oficios artesáns e de gastronomía, unha mostra da tradición e da cultura que dan lugar á nosa forma de vida, para que se experimente de forma distinta e para gozala cos todos os sentidos”.
 
Ata o 20 de abril dez artesáns poñen os seus traballos enriba da mesa e dez restaurantes serven eses menús nesas pezas únicas en cada local. Con esta medida o que se pretende é contribuír á desestacionalización do turismo en tempada baixa á vez que se favorece o coñecemento da cultura local da Mariña Lucense a través dos seus oficios tradicionais e da súa gastronomía. 
 
Os dez artesáns que participan nesta iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña son Otero Regal (ceramista de Viveiro), Miriam (ceramista de Viveiro), Francisco Fra (carpinteiro de ribeira de San Cibrao), Estéfano Gudín (ceramista de Cervo), as Redeiras de Burela, Lucía Catuxo (ceramista de Trabada), José Rodil (navalleiro de A Pontenova), Regina (restauradora de Mondoñedo), Miguel Ángel (carpinteiro de Mondoñedo) e Pilar Maravalla (artista de Ribadeo). E dez restaurantes da comarca (Area Grande, O Pantalán, O Asador, Río de Oro, Nordés, Casa Damián, Casa Franco,  La Yenka, Parador de Turismo de Ribadeo e La Solana) serven as súas propostas gastronómicas nestas creacións ata o día 20 deste mes.
 
Esta iniciativa conta cunha páxina web na dirección www.menusartesans.com
 
Os que se acheguen a Area Grande poderán degustar: vieira con xamón; arroz caldoso con berberechos e mexillóns; pescada ao albariño e marmelo de queixo. O menú de O Pantalán está composto por cazoliña de gambón e zamburiñas ao pil-pil; lombo de pescada en prebe de ourizo; pastrami de tenreira con guarnición de shitake e postre caseiro. O menú do Asador é o seguinte: ensalada de lumbrigante con emulsión de mandarinas; cocochas de bacallau e ameixas en prebe verde; pescada do pincho de Celeiro con salteado de tallaríns e froitos do mar e minitosta de mazá e xeado. No Río de Oro ofrecen ovo con grelos, langostinos e crocante e allo; pescada en prebe de mar e terra; picaña de crema fina de allo e crema de queixo con chocolate relado. No Nordés pódese degustar ensalada de ventresca de Burela, queixo de cabra e kikos; revolto de algas e ourizos en salsa brick; merluza de Burela sobre arroz negro de chocos; tacos de boi, pementos asados e patacas e postres caseiros. En Casa Damián o menú está composto por cuarto de berberechos e cuarto de ameixas ao “lame, lame”; fabas de Lourenzá con polbo da Mariña; carne ao caldeiro e compota de mazá natural con requeixo e un manto de arándanos silvestres. En Casa Franco o menú artesán é o seguinte: caldereta (polbo, ameixa e cola de langostino); presa e secreto ibérico e postre caseiro. En A Yenka a proposta gastronómica é : luras enceboladas; cocochas de pescada e ameixas en prebe verde; peixe sapo en prebe de marisco e tarta da avoa con xeado de crema de oruxo. O menú do Parador de Ribadeo está composto por: táboa de queixo galego con marmelo; torrada de pan con salchichón de O Corgo; salpicón de maragota con vinagre de mazá; croquetón de lumbrigante; cuncha do peregrino gratinada; empanada de raxo; suprema de maruca rechea de navallas ao forno sobre cachelos e torta de iogur con prebe de amorodo e xeado de queixo do Cebreiro. E en La Solana: anchoas afumadas con virutas de manchego e piquillo; mini vieiras con crema de fabas; aperitivo de peixe do día á espalda; solombo de vaca rubia galega e surtido de postres caseiros.