Chilindrín Penalba organiza unha performance interactiva de Xurxo Souto sobre o libro "Contos do mar de Irlanda". Será o 17 de setembro na Casa do Forno, en Celeiro.

Chilindrín Penalba organiza unha performance interactiva de Xurxo Souto sobre o libro "Contos do mar de Irlanda". Será o 17 de setembro na Casa do Forno, en Celeiro.
A Casa do Forno de Celeiro será escenario este xoves, ás 20:30 horas, de Océano para terrícolas, unha performance interactiva de Xurxo Souto sobre o libro “Contos do Mar de Irlanda”. O acto está organizado polo colectivo Chilindrín Penalba e será presentado por Bernardo Fraga. 
Un día Xurxo Souto sentiu unha terrible falta de ignorancia. A pesar de vivir nunha cidade-barco, A Coruña, nunca ninguén lle tiña falado do mar.
Descubriu tamén que esta ausencia de océano era común á inmensa maioría das súas veciñas e veciños. 
Decidiu facer algo elemental: preguntar no seu entorno, e axiña apareceron mariñeiros e vellos patróns por todos os curruchos. Un universo –sustento económico da nosa realidade- absolutamente descoñecido para o terrícola.
Desta descuberta xurdiu un libro, “Contos do Mar de Irlanda”.
E tamén este espectáculo radicalmente interactivo, porque os asistentes coñecen e, inmediatamente, interpretan cancións que naceron no Gran Sol e Terranova. Corpus sonoro da Galiza do mar que, por fin, comeza a arribar a porto. 
Até o momento ten realizado unhas sesenta representacións por diferentes lugares do país, dende a ribeira á montaña. Tamén en xeografías máis distantes como Lisboa ou Bruxelas.
Agora, con humildade e vehemencia, achégase por fin á capital dos océanos: Todos os camiños de Galiza levan ao mar. E todos os camiños do mar levan a Celeiro!