Grupos de Eslovaquia, Portugal e Ciudad Real participarán no XXXV Festival Folclórico do Emigrante, que se celebra o 6 de agosto en San Miguel de Reinante.

Grupos de Eslovaquia, Portugal e Ciudad Real participarán no XXXV Festival Folclórico do Emigrante, que se celebra o 6 de agosto en San Miguel de Reinante.
 
O Concello acolleu esta mañá a presentación da XXXV edición do Festival Folclórico do Emigrante que terá lugar este sábado, 6 de agosto. Tamén foi presentada a VI Foliada do Emigrante que se celebrará na noite do venres 5.
 
O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, manifestou nesta presentación que “o que pediría a todos os turistas e a todos os veciños e veciñas de A Mariña e moi especialmente aos do noso concello, que é unha cita obrigada todos os anos participar neste festival. Tamén se presentaba a VI Foliada do Emigrante que vai ser o venres e para a que pedimos tamén esa participación de todos. É a noite do venres ao sábado na que se vai poder gozar dese folclore galego e do folclore internacional o sábado pola tardiña”.
 
Pola súa banda o presidente da asociación Arco da Vella, que organiza este festival, Enrique Penabad, comentou que “o venres é a foliada con grupos de gaiteiros e pandeireiteiras. Tocar e bailar en plan informal. Na praza do Souto a partir das 21:30 horas ven xente de Vilalba, de Ribadeo, de A Coruña, da asociación de Arco da Vella, de Lourenzá e o grupo invitado de Ciudad Real”.
 
Penabad engadiu que “o Festival Folclórico Internacional do Emigrante será o sábado a partir das 22:00 horas no campo de fútbol de As Valgas. Este ano houbo grandes dificultades para confeccionar a parte internacional debido aos atentados en Turquía. Un grupo de Romanía e outro que viña de Asia tiñan xa comprados os billetes vía Estambul, pero non se atreveron a viaxar”.
 
O presidente de Arco da Vella subliñou que “con iso é todo nós este ano imos ter por parte estranxeira ao grupo Raslavicanik de Eslovaquia e A Rusga de Braga-Portugal. E por parte nacional Virgen de la Sierra de Villarrubia de los Ojos de Ciudad Real e O Arco da Vella de San Miguel de Reinante. Ao remate de todo isto haberá unha pequena verbena na praza do Souto co grupo Lecer”.