
O CFEA Pedro Murias, de Vilaframil (Ribadeo), acollerá varios cursos en febreiro e marzo, que foron presentados nun acto que tivo lugar este xoves.
O alcalde, Dani Vega, anunciou: “seguimos colaborando con Pedro Murias e neste caso para comezar un curso de poda de froiteiras, inxertía de froiteiras e reprodución vexetativa de plantas ornamentais. Seguimos dotando de formación, neste caso non regrada a Pedro Murias, e os días 24 e 26 de febreiro e 5 de marzo, terán lugar estes cursos nos que as persoas interesadas xa poden inscribirse”. O rexedor dixo tamén: “vamos colaborar con Pedro Murias e é importante tamén que o centro acolla a formación, formación de aprendizaxe, neste caso de poda de froiteiras ou de inxertía, que tamén é moi importante, e a reprodución vexetativa das plantas. Durante estes días vai haber esa formación non regrada en Pedro Murias, unha actividade coa que colabora o Concello de Ribadeo e evidentemente financia a Xunta de Galicia”.
Para Vega, “nesta liña é na que hai que ir, facer actividade que sexa proveitosa para todos e seguir apostando por esa formación de proximidade e buscar máis formación e que Pedro Murias sexa o epicentro. Moitas grazas á dirección do centro por seguir colaborando co Concello de Ribadeo, tamén á Área de Medio Ambiente, ao seu concelleiro, por continuar tamén aportando moitas ideas para que Pedro Murias tamén sexa un referente”.
No acto de presentación participaron o director do CFEA Pedro Murias, Manuel Valín; o alcalde, Dani Vega; e os concelleiros Diego Dos Santos e Begoña Sanjurjo.


