Burela promove a alimentación saudable cun paseo e unha sesión informativa este venres, 27 de marzo

O Centro de Saúde de Burela acollerá este venres, día 27 de marzo, unha actividade centrada na alimentación saudable, que terá lugar despois do paseo saudable organizado conxuntamente pola Estratexia Nacional de Saúde do Concello e o Centro de Saúde. A sesión desenvolverase na Biblioteca do Centro de Saúde de Burela e estará dirixida polo equipo de REGAPS da Dirección Xeral de Saúde Pública no marco do Programa de Promoción da Saúde. A actividade require inscrición previa no Concello de Burela ou a través do teléfono 982.586.000. Anunciouno o Concello de Burela, que engade: “durante a xornada abordaranse contidos teóricos e dinámicas prácticas relacionadas coa alimentación equilibrada, empregando ferramentas como o prato de Harvard, a preparación de alimentos de forma saudable e a planificación de comidas. O obxectivo da sesión é facilitar que a cidadanía poida incorporar hábitos saudables no seu día a día baixo o principio de que a opción saudable sexa a máis doada de elixir” .

O primeiro tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, destacou a importancia deste tipo de iniciativas, sinalando que “a promoción de hábitos de vida saudables é unha prioridade para o Concello, e actividades como esta permiten achegar información útil e práctica á veciñanza”.