O Concello de Cervo presenta o III Festival Espallando Letras, que será o 17 de maio

O Concello de Cervo de Cervo será o escenario do III Festival Espallando Letras, unha cita cultural que se celebrará o vindeiro 17 de maio, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas.

No acto de presentación do evento participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e representantes das tres asociacións organizadoras do festival -asociación de veciños de San Román, As Espalladoras e Airiños do Xunco- na propia contorna de Sargadelos que acollerá o festival.

A alcaldesa destacou durante a presentación “a importancia de seguir impulsando iniciativas que poñen en valor a nosa lingua, a nosa identidade e o enorme potencial cultural do noso municipio. Con este festival celebramos o Día das Letras Galegas do mellor xeito posible: enchendo Sargadelos de cultura, tradición, música e convivencia arredor da nosa tradición e das nosas raíces”.

A rexedora puxo ademais en valor “o traballo conxunto das tres asociacións organizadoras, procedentes de diferentes parroquias do concello como San Román, Rúa e Cervo, que conseguen unir esforzos para converter esta cita nun gran punto de encontro cultural en Sargadelos, un lugar único de por si, un referente cultural e patrimonial no que conviven durante todo o ano proxectos artesáns, creativos e culturais que lle dan vida á contorna e a converten nun espazo singular”.

O III Festival Espallando Letras arrincará ás 11:00 horas coa apertura da xornada. Ao longo da mañá haberá actividades infantís a cargo de Cabaliño de Pau, visitas ao obradoiro de forxa artística de Telmo Cao e unha degustación de Marmeladas A Morena. Ás 13:00 horas celebrarase a lectura homenaxe ás Letras Galegas dedicada a Begoña Caamaño, para continuar despois coas actuacións de A Rebolaxe, Milicrocas e o grupo infantil SCR Ledicia. A programación continuará ás 14:00 horas cunha proposta gastronómica popular con xamón cocido e empanada, e desde a organización animan tamén ás persoas que se acheguen a traer o seu propio pícnic. Xa pola tarde, desenvolveranse talleres de peneira pequena e cestiña de flores secas en Hai Larán, ademais da actuación musical de Os Chiribicos ás 17:00 horas.

As actividades son gratuítas, aínda que sería conveniente a anotación previa no teléfono 629.95.17.61 (Raquel). Desde a organización lembran ademais que no propio día tamén se admitirán inscricións no caso de quedar prazas libres e anuncian que se chove a comida e as actuacións trasladaranse ao Pavillón de San Román.

O festival “volverá converter Sargadelos nun punto de encontro para celebrar a lingua e a cultura galega nun ambiente festivo, familiar e participativo é tamén unha magnífica oportunidade para achegarse e coñecer de preto o traballo que desenvolven iniciativas como Cabaliño de Pau, Marmeladas A Morena, Telmo Cao no seu obradoiro de forxa artística, ou Hai Larán, que forman parte dese ecosistema creativo e artesanal que fai especial Sargadelos”, destaca o Concello de Cervo.