O Concello de Cervo presenta a segunda edición de “Actívate en Xuño”, unhas xornadas para fomentar a vida activa entre a veciñanza

O Concello de Cervo vén de presentar a segunda edición de Actívate en Xuño, “unha iniciativa de portas abertas coa que se pretende promover o exercicio físico e os hábitos de vida saudable entre a veciñanza”.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, anunciou a programación acompañada das monitoras Belinda Canoura e Nuria Torrado, destacando “o gran resultado acadado polas escolas deportivas municipais de adultos neste curso, que estiveron preto dos 200 inscritos nas diferentes disciplinas ofertadas”.

“O éxito das escolas deportivas municipais demostra que cada vez hai máis veciños e veciñas comprometidos cun estilo de vida activo e saudable. Dende o Concello queremos seguir reforzando esa dinámica, ofrecendo alternativas accesibles, gratuítas e abertas a todo o mundo”, sinalou a rexedora.

O Concello de Cervo engade que “a programación deste mes de xuño contempla diferentes sesións de ioga, pilates e corpo activo repartidas entre o Edificio Anexo do Concello, en Cervo; e a Casa do Mar, en San Ciprián; cun calendario máis amplo e con máis horas que na edición anterior para facilitar a participación da cidadanía.

“Seguimos apostando decididamente pola actividade física como ferramenta para mellorar a saúde, favorecer o benestar emocional e tamén crear comunidade. Queremos animar á xente a probar estas disciplinas e a descubrir todo o que ofrecen as nosas escolas deportivas”, comentou García Caramés.

As actividades serán totalmente gratuítas e non requiren inscrición previa. As persoas interesadas só terán que achegarse ao inicio de cada sesión no lugar correspondente, seguindo o calendario establecido.

Dende o Concello de Cervo animan á veciñanza de todas as idades a participar nesta proposta, que “busca consolidar o deporte e os hábitos saudables como parte fundamental do día a día no municipio”.