O I Concurso de Puzzles “Sargadelos peza a peza” celebrarase en Cervo o 6 de setembro

O Concello de Cervo presentou unha nova proposta de ocio creativo e dinamización cultural da man de HAI LARÁN, Escape Room & Espazo Creativo, unha das iniciativas emprendedoras instaladas no Centro de Emprendemento de Sargadelos. Na presentación participaron a alcaldesa, Dolores Garcia Caramés, e o reponsable de HAI LARÁN, Rubén Prieto, que deron a coñecer os detalles do I Concurso de Puzzles Sargadelos peza a peza, unha actividade que se celebrará o domingo 6 de setembro de 2026, entre as 11:00 e as 13:00 horas, na Sala cultural Xosé Vizoso, no Conxunto Histórico de Sargadelos.

O concurso contará cunha única categoría por parellas, que poden estar conformadas por dous adultos, ou un menor e un adulto, cun custo de inscrición de 15 euros por equipo, e repartirá premios aos tres mellores tempos, ademais dun recoñecemento ao mellor tempo local. As prazas serán limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 23 de agosto a través da web de HAI LARÁN.

A alcaldesa de Cervo puxo en valor “a aposta por actividades diferentes e innovadoras que contribúen a dinamizar o Conxunto Histórico Artístico, mediante propostas atractivas para todos os públicos”, ao tempo que destacou “a capacidade de HAI LARÁN para ofrecer experiencias de ocio creativo e colaborativo vinculadas ao territorio”.

A rexedora tamén incidiu na versatilidade da Sala Cultural Xosé Vizoso, situada no edificio das Carboeiras, “un espazo municipal que continúa consolidándose como escenario idóneo para acoller iniciativas culturais, didácticas e participativas de moi diversa índole”.

Desde o Concello de Cervo lembran que HAI LARÁN “é un espazo innovador que combina diversión, enxeño e creatividade a través de experiencias de escape room nas que os participantes deben resolver enigmas, superar desafíos e traballar en equipo para cumprir distintas misións nun tempo limitado. Ademais este proxecto funciona como espazo creativo de ocio pensado para todas as idades, promovendo actividades lúdicas, obradoiros e dinámicas colaborativas orientadas a fomentar a imaxinación, a creatividade e a diversión compartida”. E animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas aos puzzles e aos retos en equipo a participar nesta “proposta novidosa que mestura diversión, enxeño e colaboración nun escenario singular como o Conxunto Histórico de Sargadelos”.