O programa “Verán na Praza” continúa en Lourenzá o mércores 22 de xullo con paseos a cabalo e ruta nocturna a pé

O programa Verán na Praza, impulsado polo Concello de Lourenzá, continúa o vindeiro mércores, 22 de xullo, con dúas actividades “pensadas para desfrutar do verán en familia e seguir dinamizando a vida social e cultural da vila”. Son paseos a cabalo e unha ruta nocturna a pé.

A primeira cita será ás 19:00 horas na Praza do Conde Santo, coa actividade infantil A cabalo en Lourenzá, organizada pola Asociación Cabaleiros de Lourenzá. “Durante dúas horas os nenos e nenas poderán gozar de paseos a cabalo e participar en diferentes actividades relacionadas co mundo ecuestre, nunha proposta lúdica e educativa que lles permitirá achegarse aos cabalos dunha forma divertida e segura. A actividade está pensada para o público infantil e as súas familias e é de carácter gratuíto”, explica a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, que engade: “xa ás 21:00 horas tomará o relevo a ruta nocturna polos contornos da vila, organizada pola Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá. Cun percorrido aproximado de 8 quilómetros e unha duración estimada de dúas horas, a andaina permitirá descubrir a natureza, o patrimonio e os recunchos da contorna de Lourenzá baixo a luz das estrelas. A organización recomenda aos participantes levar lanterna ou frontal. Trátase dunha actividade aberta a todos os públicos e tamén gratuíta”.

O Concello de Lourenzá agradece “o compromiso e a implicación da Asociación Cabaleiros de Lourenzá e da Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá, así como do conxunto do tecido asociativo do municipio, cuxa colaboración fai posible unha programación variada e de calidade durante todo o verán”.

Ademais o Concello anima a toda a veciñanza e ás persoas que visitan Lourenzá nestas datas a participar nestas actividades, “pensadas para compartir, descubrir e desfrutar do verán en comunidade, contribuíndo a facer de Verán na Praza un punto de encontro para todas as idades”. E lembra que “todas as persoas participantes nestas actividades poderán conseguir o terceiro e cuarto selo do Pasaporte de Verán, unha iniciativa impulsada dentro da programación para premiar a participación nas distintas actividades e animar á veciñanza a seguir desfrutando da oferta cultural e de lecer durante os meses de verán”.