Sumoas (Xove) celebrará do 31 de xullo ao 2 de agosto as súas festas na honra a San Antonio

O Concello de Xove anuncia que a parroquia de Sumoas celebrará os vindeiros 31 de xullo, 1 e 2 de agosto as súas tradicionais festas na honra a San Antonio, “cun amplo programa de actividades relixiosas, gastronómicas e musicais pensado para reunir á veciñanza e aos numerosos visitantes que cada ano se achegan a esta cita festiva”.

As celebracións darán comezo este venres, día 31 de xullo, cunha “gran churrascada popular a partir das 20.30 horas no campo da festa, situado nas inmediacións da igrexa de Sumoas. A continuación celebrarase a verbena, amenizada polo dúo Belinda e o grupo Los Adrianos. O sábado 1 de agosto será a xornada central das festas. Ás 13.00 horas terá lugar a misa solemne e a tradicional procesión na honra ao santo patrón. Ao remate dos actos relixiosos celebrarase a sesión vermú co grupo Folixa, que tamén será o encargado de animar a verbena da noite xunto ao DJ Conxuro, nunha noite de música e diversión. As festas concluirán o domingo, 2 de agosto, cunha gran sesión vermú amenizada polo Dúo Epok, poñendo o broche final a tres días de celebración”.

A organización destas festas corre a cargo da Asociación de Festexos Rodraguel, que quere agradecer expresamente a colaboración de toda a veciñanza, dos comerciantes de Xove e de todas aquelas persoas que fan posible a celebración destas patronais ano tras ano. Así mesmo a asociación convida a veciños e visitantes a achegarse a Sumoas “para compartir un ambiente festivo, familiar e de convivencia”.

Pola súa banda, o Concello de Xove, colaborador na organización das festas, quere felicitar á comisión de festas “polo traballo e esforzo realizado para sacar adiante esta celebración e anima a toda a cidadanía e aos visitantes a participar e desfrutar dunhas festas que forman parte do patrimonio cultural e social do municipio. As festas de Sumoas volverán converterse, un ano máis, nun punto de encontro para familias e amigos, mantendo viva unha celebración con fonda tradición na parroquia e contribuíndo á dinamización social e cultural do municipio de Xove”.