O escritor Juan de Oñate presentará o 13 de agosto en Ribadeo o seu libro “Presagio”, unha novela de misterio ambientada neste concello

O escritor, historiador e director da Asociación de Periodistas Europeos, Juan de Oñate, presentará en Ribadeo o vindeiro 13 de agosto, xoves, o seu libro titulado Presagio.

“Trátase dun thriller histórico cheo de enigmas, secretos e conspiracións, que lembra a autores como Dan Bronw ou Glen Cooper. A novela analiza tamén cuestións como o estado da profesión periodística ou o comportamento dunha sociedade marcada pola aceleración, a simplificación e a busca da emotividade”, explica o Concello ribadense, que engade: “Presagio está ambientada principalmente en Ribadeo con aproximacións a diversas poboacións da Mariña luguesa, á comarca de Sarria e ao Occidente asturiano”.

O acto de presentación terá lugar no Salón dos Alcaldes ás 19:30 horas. Juan de Oñate será presentado polo xornalista de Onda Cero Rafa Latorre. Haberá venda e firma de exemplares.

Juan de Oñate asinará tamén exemplares desta novela nas feiras do libro de Viveiro -o 14 de agosto ás 20:30 horas- e de Foz, o 20 de agosto tamén ás 20:30 horas.