O Concello de Xove recomenda observar a eclipse solar desde as praias de Esteiro e Lago

O Concello de Xove recomenda á veciñanza que queira observar a eclipse de sol deste mércores, 12 de agosto, que se desprace a zonas seguras e habilitadas, recomendando especialmente a praia de Esteiro e a de Lago como puntos adecuados para gozar da observación. Ademais “por motivos de seguridade queda prohibido achegarse para observar a eclipse desde o Faro Roncadoiro, Punta da Mansa e os Acantilados de Papel, en Morás, debido ao perigo que presentan estes espazos, especialmente durante un acontecemento que pode atraer unha importante afluencia de persoas”, advirte o Concello, que tamén anuncia que a Deputación Provincial de Lugo doou ao Concello de Xove 487 gafas homologadas para facilitar á veciñanza a observación segura do eclipse solar que terá lugar o vindeiro mércores, 12 de agosto. O Concello foi o encargado de distribuír as gafas entre a veciñanza. As unidades foron repartidas inicialmente entre os nenos e nenas participantes no Concilia Verán e nas Mañás Activas do Centro Xuvenil. O resto das gafas puxéronse á disposición da veciñanza nas Oficinas Xerais do Concello, ata esgotar todas as existencias”.

Desde o Concello de Xove lémbrase a importancia de non mirar directamente ao sol sen a protección ocular adecuada e de utilizar exclusivamente gafas ou visores solares homologados para a observación do eclipse.

O Concello de Xove anima a toda a veciñanza “a desfrutar deste excepcional acontecemento astronómico con responsabilidade, precaución e seguridade, respectando en todo momento as indicacións establecidas. Mércores, 12 de agosto: ollos ao ceo, pero sempre protexidos”.