
Ribadeo afronta unha fin de semana de intensa actividade gastronómica coa I Feira do Mel, a Festa da Ría e a Carne ao Caldeiro de Remourelle este sábado, 22 de agosto, ademais do Mercado do Camiño.
A concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz, subliñou que “o produto de calidade e de proximidade estará moi presente mañá, sábado, en Ribadeo e tamén en Remourelle. Na contorna da praza de abastos entre as 11 e as 21 horas celebrarase a I Feira do Mel con 17 postos chegados desde varios puntos da xeografía lucense. Haberá catas e un obradoiro de elaboración de velas de cera de abella. Ademais segue no parque de San Francisco o Mercado do Camiño de Santiago, que comezou este pasado martes e que se prolongará ata o vindeiro domingo, día 23, con diversidade de postos de artesanía e de produtos gastronómicos”.
A edil ribadense seguiu a relatar: “mañá desde as 12 do mediodía, a carón da lonxa no peirao, terá lugar a cuarta edición da Festa da Ría, con mexillóns, con ostras e con música tradicional galega para saborear produtos do mar, produtos da nosa ría e pasar un sábado diferente en Ribadeo. E tamén mañá será a XIX edición da Carne ao Caldeiro, de Remourelle, na que se exaltará a tenreira rubia galega. Haberá xantar a partir das 14:30 horas con empanada e polbo, carne ao caldeiro, cachelos e pementos de Padrón, ademais de doces, café e bebida. Torneo de bolos e tardeo musical conforman a programación desta xornada”.
Marta Saiz engadiu: “temos propostas para todos os gustos tanto en Ribadeo como nas súas parroquias, poñendo en valor a vila e tamén o noso rural, no noso produto de mar, de terra e da horta, porque non nos podemos esquecer do Mercado dos Domingos. Agardamos que o tempo acompañe e que todas as persoas, veciñas e visitantes, poidan disfrutar da ampla oferta gastronómica que esta fin de semana atoparán no noso concello. E moitas grazas aos organizadores e colaboradores polo seu traballo e pola súa implicación. Sen todos eles non sería posible contar con esta interesante axenda”.


