
A empresa produtora de setas Shiifos integrouse recentemente na Asociación de Comerciantes, Industriais e Servizos (ACISA) de Ribadeo para “apoiar o comercio local e poñer en valor os produtos de proximidade e calidade”, explica o xerente da firma, Jesús López Penabad, quen lembra que Shiifos “naceu como consecuencia dunha carta enviada polo anterior alcalde, Fernando Suárez, na que dicía que ao redor das vivendas tiña que haber unha franxa de protección e que había que cortar os eucaliptos, pero foi unha confusión porque realmente no meu monte non había desas árbores senón unha masa de frondosas, que foi plantada por meu pai hai case 40 anos”. A finca, que está en Remourelle, chámase Cerrado do Muín, porque estaba pechada con pedra e ten un muíño.
Jesús López Penabad tamén comenta: “naquel momento decidín facer un clareo na masa de frondosas e cortei todo o que estaba máis próximo á casa, que eran castaños. Esa madeira non atopei a quen vendela e nesa época un veciño de Alfoz faloume duns rapaces de Santolaya de Cabranes (Asturias) dedicados ao cultivo de shiitake polo método tradicional xaponés. Alí fomos, asesoráronos e vendéronos os inoculadores. E así empezamos con Shiifos no ano 2016 Pedro e eu, pero el tivo que deixalo pouco tempo despois. En xaneiro empezamos a inocular castaños que non se serraran, porque teñen que ter a cortiza, e no outono empezaron a saír as primeiras setas, o que foi unha alegría moi grande porque vimos que funcionaba e que a Cerrado do Muín aceptaba o shiitake; esa finca ten un ambiente moi axeitado para esas setas porque hai humidade e unha temperatura relativamente constante. Non podo cambiala e por iso fluctúa tanto a produción. Se tivera un invernadoiro pechado e lle metera temperatura e humidade sacaba shiitake todos os días, pero non o fago porque quero producir shiitake natural”, engade López Penabad, que anuncia que a explotación de Shiifos pode ir verse e está facendo unha páxina web para que as persoas interesadas individualmente ou grupos non moi grandes poidan visitar a finca.
López Penabad tamén indica que a produción é moi pequena porque “isto é faise de forma familiar. Para vivir das setas necesitaría uns 10.000 troncos e teño menos de mil. Practicamente producimos todo o ano, pero baixamos moito durante o inverno polo nordés, que nos inflúe moito. Entón nesa época aproveitamos para inocular. Na primavera e no verán xa hai máis produción, pero a época máis forte é o outono. En canto ás vendas cando máis clientela teño e no verán, pero non teño moito produto que ofrecer. A maior parte da produción vai para os restaurantes ribadenses La Solana e San Miguel e a tenda Ferrado Marelo. Tamén se venden no posto que poño no Mercado dos Domingos de Ribadeo”.
O xerente de Shiifos destaca que “o shiitake é unha das setas máis cultivadas a nivel mundial, sobre todo en Asia, de onde veu; despois pasou a Estados Unidos máis tarde chegou ao Europa. Eu vendo unha seta de calidade que se aproveita ao cen por cen e que está producida con un proceso totalmente ecolóxico, o que se pode facer grazas ás persoas que me axudan: Lorena, Carlos, Esther e Fabián”.


