
O Valadouro e Lourenzá acollerán a vindeira fin de semana as actividades enmarcadas nos Plans con corazón, iniciativa da Mancomunidade da Mariña, baixo os títulos A fraga das Lerias, un refuxio natural na serra do Xistral (o sábado 17 de outubro - O Valadouro) e Historias que se cultivan (o domingo 18 de outubro - Lourenzá).
A Mancomunidade da Mariña destaca que “son, sen dúbida, unha oportunidade única para coñecer algúns dos espazos naturais máis significativos destes concellos, ademais doutros dos seus atractivos patrimoniais e gastronómicos”, e explica que “quedan as últimas prazas libres para a actividade do sábado do Valadouro, polo que todas as persoas interesadas deben formalizar a inscrición o antes posible a través do enlace: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon. As prazas son limitadas e por orde de inscrición. Cada actividade terá un custe que oscila entre os 5 euros (inscrición individual), os 9€ (inscrición en parella) e os 15€ (inscrición en grupo), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes”.


