
A Asociación Cultural de Sendeirismo Camiñantes e Camiños, de Barreiros, realizará o 24 de outubro, sábado, a oitava e última etapa do Camiño Francés, que os participantes fixeron durante varias fins de semana desde o pasado mes de abril.
O presidente do colectivo, José Manuel Gómez Puente, lembrou: “arrincamos o pasado 18 de abril en Pedrafita do Cebreiro e remataremos agora as oito etapas nas que dividimos o Camiño Francés co treito comprendido entre Lavacolla e Santiago, que son 10 quilómetros, ou entre o Monte do Gozo e Santiago, que son 4 quilómetros. Así adaptámonos un pouco as condicións físicas de todos os participantes”.
A saída desde Barreiros está prevista para as 6:30 da mañá. O prezo do autobús, que trasladará aos asistentes, máis a comida é de 40 euros para os socios e de 45 euros para os non socios. Gómez Puente subliñou que “aquelas persoas que queiran acudir a esta viaxe, aínda que non sexa para camiñar, o único que teñen que facer é anotarse a través do teléfono ou whatsapp 623.22.68.25. Ás doce do mediodía asistiremos todos xuntos á misa do peregrino na Catedral de Santiago”.
O presidente de Camiñantes e Camiños fixo un balance positivo desta tempada de 2026: “na que fixemos o Camiño Francés desde Pedrafita ata Compostela compartindo vivencias, gozando da compañía e da paisaxe”. E agradeceu “a colaboración un ano máis da Xunta de Galicia, que nos regalou gorras e as camisetas para a nosa expedición”.


