Aberto o prazo de inscrición no XIII Ribadeo de Tapeo, que se celebrará do 11 ao 20 de maio. Voltan os cantos de taberna, que chegan á 3ª edición.

Un ano máis o Concello de Ribadeo abre o prazo de inscrición para a XIII edición do Ribadeo de Tapeo, que dará comezo na tarde noite do 11 de maio e continuará ata o día 20 dese mes.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez, subliña que “este concurso gastronómico Ribadeo de Tapeo é un dos grandes atractivos da programación do Concello e pretende ser un revulsivo para a economía ribadense, que ano tras ano ven colleitando cada vez más éxito tanto entre el público cómo entre seus máximos protagonistas, que son los profesionais dos establecementos da hostalería ribadense". 

A edil ribadense sinala que “esta cita é un dos nosos mellores escaparates gastronómicos, un espazo onde compartir novas ideas e propostas desta cociña en miniatura, un espazo onde fomentar a nosa cultura da tapa, tan típica de Ribadeo”.

Ana Martínez indica que “este ano, ao igual que o anterior, contamos con dous formatos de selección. Por unha banda, os premios do xurado profesional, podendo concorrer aqueles establecementos que así o desexen. Para os que voluntariamente se presenten aos premios do xurado, a organización convoca aos participantes a mostrar nun único local a tapa presentada de cara a facilitar a labor do xurado e unificar criterios”. 

E engade que “para esta selección celebrarase un evento que terá lugar o 21 de maio no Hotel Restaurante Voar ás cinco da tarde cun xurado profesional formado por cociñeiros/as e expertos/as gastronómicos de renome e que será retransmitido en directo a través das redes”.  

A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, segue a relatar: “e por outro lado, estarán os premios do público aos que concorrerán todos os estabelecementos inscritos no concurso”.

Ana Martínez conta que “para os gañadores do certame, que concorran tanto aos premios do xurado coma do público, haberá agasallos especiais, e así recibirán publicidade gratuíta ata a próxima edición 2019, onde se indicará que as súas tapas foron premiadas no XIII Ribadeo de Tapeo. Esta medida servirá para premiar o esforzo, iniciativa e profesionalidade dos nosos hostaleiros”. Haberá 4 premios do xurado, que serán primeiro, segundo, terceiro e tapa de Ribadeo, que será a mellor realizada con produtos da zona. E o público elixirá tamén a súa mellor tapa e a mellor barra. 

O prezo da tapa mantense nun 1,50 euros por petisco, sendo este un factor engadido para incentivar a calidade e a creatividade das propostas culinarias. A edil nacionalista sinala que “de novo, volveremos a contar cos Cantos de Taberna que terán lugar o 11 de maio e como en anos anteriores a celebración do concurso darase a coñecer a través da web http://turismo.ribadeo.gal/tapeo e nas distintas plataformas app para móbiles, redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) e crearase un hashtag #Ribadeodetapeo18 para a difusión, a través das redes sociais do concurso, tapas e establecementos participantes”. 

O prazo de inscrición no XIII Ribadeo de tapeo remata o 6 de abril ás 14:00 horas.