Aberto o prazo de inscrición para participar no 3º Maratón de Pintura ao Aire Libre, que organiza o Concello de Alfoz.

O Concello de Alfoz organiza a 3ª edición do Maratón de Pintura ao Aire Libre, que se celebrará o domingo 12 de agosto, de 11 a 18 horas.

Poderán participar todos os pintores que o desexen, existindo unha categoría infantil (ata 16 anos) e outra sénior. A temática será referida ao concello de Alfoz, podendo reproducir calquera motivo, monumento ou paisaxe do termo municipal. A técnica e as medidas dos traballos serán libres, debendo aportar os participantes o material utilizado, admitindo calquera tipo de soporte (lenzo, papel, cartón,…) con fondo branco.

As inscricións deberán facerse no Castelo do Castrodouro a través do correo electrónico turismo@concellodealfoz.com, ou de forma presencial o mesmo día do maratón de 9:00 a 11:00 horas.

O xurado, formado por un presidente e dous vogais, representados por artistas relacionados co mundo da pintura, valorará de forma individual puntuando os traballos de 1 a 10 e sumando posteriormente as puntuacións.

Os premios na categoría sénior serán: para o primeiro un bono de 200 euros máis trofeo; o segundo recibirá un trofeo máis maletín de pintura, e o terceiro un trofeo máis lote de pinturas. Haberá un premio para o pintor local de trofeo máis maletín de pintura. Na categoría infantil, o primeiro recibirá un bono de 100 euros máis trofeo; o segundo trofeo máis maletín de pinturas e o terceiro trofeo máis lote de pintura. Tamén haberá premio para o pintor local con trofeo máis maletín de pintura.