Abriu en Burela o 1º establecemento xurdido do IV Campus de Emprendemento da Deputación de Lugo. Trátase da tenda de produtos ecolóxicos A Leira.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado da Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, participou este xoves en Burela na inauguración da tenda de produtos ecolóxicos A Leira, unha iniciativa da emprendedora Pilar López, que se materializou logo de que a promotora participase no curso de maduración empresarial do IV Campus do Emprendemento Sostible, organizado polo Goberno da Deputación.

Campos Conde destacou durante a súa intervención que “é unha satisfacción ver materializados as ideas emprendedoras en proxectos que xeran riqueza para a súa contorna” e lembrou que no IV Campus do Emprendemento Sostible participaron 80 persoas, das cales 70 foron alumnos de Formación Profesional e outras 10, emprendedores que, como Pilar, precisaban asesoramento sobre as súas ideas de negocio para iniciar a actividade”. O Presidente desexoulle moita sorte na súa andaina comercial e destacou que desde a creación do Campus de Emprendemento xa foron moitos os emprendedores da provincia que lograron sacar adiante os seus proxectos empresariais.

A nova tenda está situada na rúa Castelao nº2 e ofrece produto galego ecolóxico e hortalizas e verduras da zona, así como outros produtos frescos como zumes naturais e batidos. Ademais, entre a súa oferta figuran produtos que a promotora coñeceu durante as visitas empresariais efectuadas no Campus de Emprendemento Sostible, como os producidos por Arqueixal e Mulhulloa.

A promotora da tenda, Pilar Rodríguez, participou o curso de maduración de ideas empresariais do IV Campus de Empredemento Sostible, que se celebrou no Centro de Interpretación Terras do Miño, en Lugo, coa participación de 10 persoas. O obradoiro afondou nos métodos para analizar a viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira dos proxectos, unha formación teórica que se completou cunha serie de titorías e a visita a empresas da contorna, para coñecer casos de éxito. Pilar Rodríguez recibiu, ademais,asesoramento personalizado dos técnicos para a posta en marcha e a orientación da tenda.

Participantes do IV Campus de Emprendemento
A cuarta e última edición ata o momento do Campus de Emprendemento Sostible finalizou o pasado mes de marzo, logo de organizar 6 cursos de formación que contaron coa participación de 80 alumnos. Destes, un grupo de 10 participantes foron emprendedores que xa contaban cunha idea empresarial e precisaban asesoramento sobre diferentes aspectos do seu proxecto; e os outros 70,  foron alumnos de 3 institutos de Formación Profesional: o IES San Rosendo de Mondoñedo, o IES Trapero Pardo de Castro Ribeiras de Leae a Escola de Alta Montaña de Becerreá. 

A oferta formativa incluíu dous tipos de accións: un taller de motivación e xeración de ideas empresariais o outro de maduración de ideas. Ambos os dous combinaron as sesións teóricas con visitas a empresas da provincia, para dar a coñecer experiencias exitosas de emprendemento sostible.

Novas empresas
Nas catro edicións do Campus do EmprendementoSostible foron moitos os emprendedores da provincia que lograron sacar adiante os seus proxectos, coa axuda  e a titoría dos técnicos do Campus. Algúns exemplos das novas empresas creadas son a Pensión Os Ancares, en Becerreá; restaurante Casa Meiroi en Navia de Suarna; a empresa de ferretería Tualicate.com; a consultoría de avogados, Avogar; a cafetería Abadía de Mondoñedo; a empresa de eventos Esmorga; a empresa de apicultura Casa Príncipe e o proxecto de educación na natureza, Nena, entre outros.

O Campus do Emprendemento Sostible é unha iniciativa do Goberno da Deputaciónpara impulsar a creación de empresas no rural, sostibles e respectuosas co medio, que contribúan a xerar postos de emprego e frear o despoboamento demográfico, especialmente nos territorios das Reservas da Biosfera.