Acisa inviste máis de 35.000 euros no XI Ribadeo Indiano, que se celebra esta fin de semana, do venres 10 ao domingo 12 de xullo

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) destaca o esforzo económico que realiza no marco da coorganizacion do Ribadeo Indiano investindo máis de 35.000 euros na décimo primeira edición deste evento histórico cultural. A vila vístese estes días de branco para gozar dunha cita, que se desenvolverá esta fin de semana do venres 10 ao domingo 12 de xullo.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “as rúas, prazas, rotondas xa están decorándose desde hoxe, aparcamentos a punto, escenarios a piques de estar listos... o XI Ribadeo Indiano xa está aquí. Este ano 2026 con motivo da celebración da undécima edición, e grazas ás axudas obtidas, Acisa Ribadeo fai un novo esforzo e inviste arredor de 35.000 euros. Ben merece a pena porque estamos ante a fin de semana máis agardada por todo o tecido empresarial ribadense e tamén pola veciñanza e polos visitantes que enchen Ribadeo para gozar desta cita, que ninguén quere perder”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, subliñou que “esta gran inversión de 35.000 euros aproximadamente supón arredor do 35% do presuposto de Acisa para realizar actividades durante todo o ano, o que reflexa o enorme compromiso da nosa entidade co evento. E podemos facelo grazas en primeiro lugar aos fondos propios de Acisa, é dicir ás cotas dos nosos socios e socias e aos patrocinios privados que xestionamos, á subvención da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, concretamente á Área de Cultura e tamén da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia. Con estes mais de 35.000 euros, Acisa Ribadeo aporta ao Ribadeo Indiano boa parte da súa esencia, 15.000 vasos conmemorativos, o sorteo da viaxe a México con 180.000 rifas, 20.000 mais que a pasada edición, repartidas entre os 170 negocios asociados, varias actuacións musicais, as actividades de ocio infantil e xuvenil, os mais de 20.000 metros de decoración e 1.000 faroliños tanto de rúas como de negocios e a súa instalación e decoración de rúas, escenarios, prazas, etcétera, así como publicidade e promoción do evento”. E engadiu que “esta inversión que fai Acisa esta máis que xustificada, xa que con datos do pasado ano, o Ribadeo Indiano xerou entre 3 e 4 millóns de euros de facturación en todo o tecido empresarial local, sen contar a repercusión na contorna, que tamén a ten, e estimase que atraeu a uns 60.000 visitantes en tres días a Ribadeo”.

Cruzado Iglesias subliñou que “para Acisa Ribadeo é un esforzo económico enorme poder aportar estas contía, pero entendemos que é importante facelo xa que se trata do evento mais singular que ten a nosa vila e que repercute de maneira moi positiva na economía de todo o tecido empresarial local. E por iso tamén debemos de agradecer ás entidades públicas e privadas que confían en nos para xestionar as súas colaboracións económicas. Desde Acisa Ribadeo estamos moi satisfeitos do traballo realizado e da achega que facemos nesta edición, agora chega o momento do comercio, dos bares, dos restaurantes, dos hoteis.... queremos facer un chamamento a que decoren os seus establecementos para a ocasión, que empreguen a decoración facilitada por Acisa para decorar, bares, terrazas, escaparates, queremos que se animen a facer decoracións florais que recrean unhas estampas inigualables, e por suposto animalos a caracterizarse como ribadenses de finais do século XIX ou principios do XX, como auténticos indianos. E como non, animar a veciñanza e visitantes a pedir as rifas para o sorteo da viaxe a México nos establecementos asociados a Acisa ou a facerse cun vaso conmemorativo como recordo do Ribadeo Indiano.”

Pérez Prada manifestou ademais: “nestes días somos moitas as persoas que estamos a traballar a reo para esta nova edición do Ribadeo Indiano, e dende aquí agradecemos a implicación de todas as persoas que dun xeito ou de outro poñen o seu tempo e o seu talento para que esta festa luza espectacular”.

Presidenta e xerente conclúen: “animamos tamén á veciñanza de Ribadeo a decorar os seus balcóns, os seus portais… para que a esencia indiana estea máis presente que nunca na nosa vila. Desde Acisa Ribadeo queremos desexarlles a todos os veciños e visitantes un feliz Ribadeo Indiano e a todos os empresarios locais que traballen moito e ben. Sabemos que son xornadas intensas, pero todo esforzo merece a pena”.