Acisa Ribadeo sorteará 19 ceas na campaña de San Valentín, que desenvolverá do 2 ao 14 de febreiro. Os románticos agasallos disfrutaranse o 16.

Acisa Ribadeo desenvolverá a súa campaña de San Valentín entre os días 2 ao 14 de febreiro. Nesta edición sorteará 19 ceas para dúas persoas, xentileza doutros tantos restaurantes da localidade. 

As persoas que realicen as súas compras nos establecementos asociados a Acisa ao longo dos vindeiros días recibirán papeletas para cubrir cos seus datos e un número de teléfono de contacto. Deste xeito entrarán no sorteo das 19 ceas. O día 15 de febreiro entregaranse, por parte dos comercios, as papeletas cubertas aos membros da oficina de Acisa Ribadeo. Ese mesmo día procederase a sortear as 19 ceas para dúas persoas. Notificaráselle ao gañador ou gañadora mediante chamada telefónica, e tras tres intentos, no período de trinta minutos, pasarase a volver a sortear no caso de non obter resposta. 

As ceas sortearanse individualmente e os premios non son acumulativos. Ningunha cea quedará deserta e o listado de premiad@s farase público o mesmo día 15. Os/as premiados/as deberán pasar polas oficinas de Acisa Ribadeo o 15 de febreiro, antes das 20:00 horas, na rúa Viejo Pancho, 13-baixo, para recoller o vale que lles permita disfrutar deste romántico agasallo.

As gañadoras e gañadoras poderán gozar das ceas o 16 de febreiro nos restaurantes doadores que son: Asador A Quinta, Parador de Turismo de Ribadeo, San Miguel, O Cabazo, Marinero, A Dorada do Cantábrico, O Lar de Manolo, O Tumbín, Hotel Restaurante Javier Montero, La Villa, Cayo Coco, Porta Norte, Costa Verde, La Lira, La Solana, Bar Galicia, El Rincón del Gordo e Galipizza. Éste último local ofrecerá dúas ceas.

O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, comenta que “estamos moi contentos porque é unha campaña que gusta a todos, tanto a clientes como a socios, e este ano pasamos de sortear dez ceas noutras edicións a dezanove esta. É unha campaña que está pensada para unir o comercio e a hostalería”.

E pola súa banda, o xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, agradeceu “a colaboración aos establecementos que nos doaron as ceas posto que coa súa implicación os premios desta campaña son máis importantes”.