"As alumnas" chega o 11 de marzo ao Teatro Pastor Díaz, de Viveiro.

Culturactiva e “As alumnas” chegan o 11 de marzo ao Teatro Pastor Díaz, de Viveiro. Será ás 20:30 horas. 

As Alumnas é un espectáculo dirixido por Fina Calleja, con texto de Paula Carballeira, e con Anabell Gago e Mónica Camaño no elenco. Dirixido a un público adulto, trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.

Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Porén, son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desas cartas, e da reconstrución daqueles tempos nos que eran as mellores amigas, iremos descubrindo como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.