A asociación Francisco Lanza, de Ribadeo, celebra o seu 50 aniversario coas XIX Xornadas de Historia Local o 16 e o 17 de xullo.

A Asociación Cultural Francisco Lanza, coa colaboración co Concello de Ribadeo, festexa o seu 50 aniversario coas XIX Xornadas de Historia Local que terán lugar os días 16 e 17 de xullo no Auditorio de Cabanela.

O venres ás 19:30 horas terá lugar a presentación da edición conmemorativa dos Cadernos Ribadenses a cargo dos que foron presidentes e presidentas da asociación, José Yáñez Basanta, Eduardo Gutiérrez Fernández, Teresa Díaz Estévez, Xavier Campos López e Dores Fernández Abel.

O sábado ás 12:30 horas celebraranse os 50 anos da asociación con música, poemas, teatro e palabras de agarimo. Actuarán: Cuarteto Illa Pancha, Carme Rodríguez, Coral Polifónica, Toni Deaño e Pandereteiras de Amigos da Gaita. Ás 14:30 horas terá lugar un xantar de confraternidade para o que será necesario facer reserva previa. Ás 16:30 horas haberá diversas actividades a escoller como paseo en barca pola ría, paseo pola antiga muralla con Toni Deaño Gamallo, paseo polo Ribadeo Ilustrado con Begoña García López e paseo dos 1000 banzos con Teresa Díaz Estévez.

As persoas interesadas poden obter máis información no número de teléfono 649 63 19 03. Seguiranse as medidas anticovid 19 indicadas polas autoridades sanitarias e en caso de mal tempo trasladaríase a actividade ao Teatro e Auditorio de Ribadeo.