A asociación A Santina, de Foz, será a pregoeira das festas patronais focenses na honra de San Lourenzo.

O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe que a asociación A Santina será a pregoeira das festas patronais de San Lourenzo. O rexedor subliña que a colonia asturiana leva 35 anos afincada en Foz e alude aos lazos creados entre galegos e asturianos.

“Desde o equipo de goberno e dende a asociación Sempre Foz, organizadora das festas patronais do San Lourenzo, que son festas de interese turístico galego, queremos anunciar que a pregoeira desta festa tan importante para o noso pobo será a asociación A Santina, de Foz. Homenaxeamos a esta asociación de veciños asturianos afincados no noso pobo desde hai máis de 35 anos. É unha homenaxe a esa convivencia durante tantos anos con esta comunidade e que seguen conservando os valores de Asturias pero en total convivencia no noso pobo”, explicou Javier Castiñeira. 

Javier Castiñeira engadiu que “loxicamente despois de 35 anos a convivencia é máxima e a integración total e absoluta, pero si que é certo que manter os valores da terra onde naciches é moi importante, os galegos sempre o facemos aló por onde estamos e tamén o recoñecemos a aquelas comunidades que o fan na nosa casa. Ademais con elo queremos homenaxear a todos os asturianos que teñen aquí a súa primeira residencia e a súa segunda residencia, que seguen confiando en Foz como lugar das súas vacacións e que deixan no noso pobo sempre moi boas sensacións e participan na economía municipal”.

O alcalde declarou tamén que “vaia esa homenaxe á comunidade asturiana e na súa representación á asociación A Santina, de Foz, por seguir mantendo os valores asturianos no noso concello con total convivencia e integración despois de trinta e cinco anos no noso municipio”.