Ata o 1 de novembro está aberto o prazo de inscrición para participar no XVI Mercado de Nadal de Ribadeo, que se celebrará do 3 ao 8 de decembro.

Ata o 1 de novembro está aberto o prazo de inscrición para participar no XVI Mercado de Nadal de Ribadeo, que se celebrará do 3 ao 8 de decembro. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, dixo que “un ano máis o Mercado de Nadal aporta por ser un espazo de oportunidade para as persoas e profesionais relacionadas coa artesanía, o deseño e a creación e tamén coas persoas produtoras, dando visibilidade ao seu traballo e ao talento creativo e innovador. Está especialmente dirixido a persoas produtoras e creadoras da zona”. 

O edil ribadense explicou que “o prazo de inscrición está aberto ata o día 1 de novembro. Establécense varias categorías: persoas artesás, é dicir con capacidade para exhibir e vender pezas que sexan producidas de forma artesanal e de autoría propia; produtos de alimentación e gastronomía artesanal; persoas creadoras, artistas plásticos, gráficos ou dixitais; creadores de xoguetes; e creadores de moda de autoría propia e con distribución a pequena escala”. 

Vizoso Galdo indicou que “as persoas interesadas en participar no Mercado de Nadal teñen de prazo ata o día 1 de novembro para presentar a súa solicitude, ben a través da sede electrónica do Concello ou tamén de xeito presencial se se trata de persoas físicas. As bases de participación están dispoñibles na páxina web do Concello, no taboleiro de anuncios. Xunto á solicitude de participación deberán presentar unha memoria descritiva da súa actividade e tres fotografías da súa obra ou stand”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “o Mercado de Nadal terá lugar do 3 ao 8 de decembro. O horario de apertura será de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas, agás o 3 de decembro (día da inauguración), que a apertura será so pola tarde de cinco a nove”.