Ata o 15 de decembro pódese visitar na Casa da Cultura de Burela a exposición "Fogares verdes: vivir mellor con menos".

A Delegación de Medio Ambiente en colaboración co Ceneam (Centro Nacional de Educación Ambiental) organizan a  exposición Fogares Verdes: vivir mellor con menos. A mostra poderá visitarse ata o 15 de decembro na sala de exposicións da planta baixa da Casa da Cultura.

Segundo explica Noelia Mª Ben “esta exposición xorde no ámbito do Programa Educativo Fogares Verdes do Ceneam, que comezou a súa andaina en 2006 como unha iniciativa piloto dirixida a familias preocupadas polo impacto ambiental e social das súas decisións e hábitos cotiáns. Ten coma obxectivo acompañalas no proceso de cambio cara a unha xestión máis responsable do seu fogar, promovendo o autocontrol do consumo doméstico de auga e enerxía introducindo medidas e comportamentos aforradores axudando a facer unha compra máis ética e máis ecolóxica”.

A concelleira de Medio Ambiente sinala que “a través de 12 paneis, preténdese mostrar un camiño para que os nosos fogares sexan máis sustentables, contribúan á mellora social e ambiental da contorna e, por extensión, a unha sociedade máis sustentable. Esta é unha proposta que convida a que as decisións cotiás que tomemos nos nosos fogares pasen un tripla filtro: o da eficiencia, a suficiencia e o compromiso colectivo”. 

A edil burelesa engade: “así que si es unha persoa á que lle gusta non malgastar enerxía e queres ser máis sostible pásate por esta exposición, seguro que che axudará a conseguilo”.