Ata o 21 de xuño poden retirarse os permisos para as fogueiras de San Xoán que concede o Concello de Cervo.

O Concello de Cervo lembra a obriga de solicitar o permiso para as fogueiras da noite de San Xoán. O prazo para facelo remata o vindeiro 21 de xuño.

Deste xeito, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, sinalou que “é obrigatorio solicitar autorización para poder facer unha fogueira e para iso, unha das persoas da organización, maior de idade deberá facerse responsable da mesma, achegando datos de contacto, como o nome e o teléfono, así como o lugar exacto no que se vai facer o lume; para que en todo momento dende o Concello as poidamos ter localizadas para dar resposta inmediata no caso de que se produza algunha incidencia”.

As solicitudes deber presentarse na Casa do Concello ou na Casa da Cultura; e sen este permiso queda completamente prohibido facer lume.

Villares recordou que o obxectivo que se pretende “é levar un control de todas e cada unha das fogueiras que van estar activas nesa noite de San Xoán, para que se fagan en base ás normas básicas de seguridade e convivencia; tendo en conta que no noso Concello é habitual contar con máis de 100 lumes activos nesa noite”.

Normas de seguridade
No caso das fogueiras, terán que facerse sempre a máis de 15 metros de distancia de vehículos, árbores, fachadas, edificios ou calquera construción e nunca debaixo de liñas eléctricas. Nunca se deberán utilizar sustancias inflamables para prender o lume nin tampouco se poden botar papeis ou texidos con pouco peso, xa que o aire pode levantalos e facer que inicien un lume incontrolado noutro punto. 

Tampouco se deben botar neumáticos, plásticos e outros elementos altamente contaminantes. E por suposto, unha vez rematada a festa é moi importante asegurarse de que o lume está completamente apagado. 

Especial mención merecen os saltos nas fogueiras, que deberán realizarse con extrema precaución utilizando calzado e vestimenta axeitada, e sempre valorar as posibilidades de saltar segundo o tamaño da fogueira, así como as condicións físicas e a idade do individuo.

Lembrar que a colaboración cidadá resulta fundamental e que para calquera emerxencia cómpre chamar ao 112.