Ata o 21 de xuño pódese visitar na Casa da Cultura de San Ciprián a mostra fotográfica "Galicia latente", de Eduardo Martís.

O Concello de Cervo intensifica a actividade cultural de cara ao verán prestando especial atención á dinamización das diferentes salas expositivas coas que conta o municipio.
Así o sinalou a edil de Cultura, Dolores García Caramés, durante a inauguración da mostra fotográfica Galicia Latente, de Eduardo Martís, que se poderá visitar ata o vindeiro 21 de xuño, na sala de exposicións da Casa da Cultura de San Ciprián.

A mostra está formada por 35 instantáneas que representan con especial sensibilidade a etnografía de Galicia e que é o froito dun traballo do autor de catro anos nos que estivo percorrendo os diferentes concellos e cidades da Comunidade.

Caramés sinalou que un dos obxectivos do Concello de Cervo “é darlle dinamismo ás salas expositivas coas que contamos, e a nosa idea e que estean sempre vivas, sendo espazos de encontro dos nosos veciños e visitantes co mundo da arte, que tan bos representantes ten en Galicia”.

Ademais tamén pretendemos así darlle voz, aos artistas máis coñecidos, pero sobre todo ás novas xeracións que veñen pisando forte, e que teñen no noso Concello espazos adaptados para poder dar a coñecer o seu enorme potencial.

Temos a súa disposición pois, a sala de exposicións da Casa da Cultura, de San Ciprián, a sala de exposcións do Edificio anexo ao Concello, en Cervo; e tamén un espazo habilitado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos. 

Os interesados poden poñerse en contacto con nós a través do correo dinamización@concellodecervo.com para consensuar e fixar datas en función do calendario que estamos pechando.

Dende o luns, na Sala de exposicións do eficio anexo ao Concello de Cervo, tamén estará aberta ao público a exposición do Concurso Cervo Respecta 2017, do que se entregarán os premios nesa data, o 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.