Ata o 9 de xullo celébrase o IV Ribadeo Indiano cun amplo abanico de actividades. Haberá música, teatro, xogos, visitas e paseos culturais.

A cuarta edición do Ribadeo Indiano da comezo ás cinco desta tarde co redescubrimento da placa na rúa Bos Aires, acto no que participará o embaixador da República Arxentina, Federico García Puerta. Xunto a él estarán o alcalde, Fernando Suárez, e o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez. Durante estes tres días desenvolverase un programa cheo de actividades que o domingo rematarán na parroquia de A Devesa, a máis indiana do concello.

A concelleira de Turismo, Ana Martínez, salientou que “o Ribadeo Indiano pretende algo máis, algo máis importante en certa medida que a propia imaxe de ir guapo. Queremos recordar e, desde logo, rememorar esa parte importante da historia na que tamén se pasou mal, na que a xente cando ten que emigrar e deixar o propio, deixar o que un quere, deixar a terra, xera esa sensación de perda, de nostalxia, do que os galegos chamamos morriña. Esa morriña supoño que en moitas destas ocasións foi a que fixo que non soamente a xente se marchase, non soamente chegase a América, e alí fixese fortuna e se esquecese do que deixaba aquí. Estes indianos, esta xente que tivo a sorte, porque evidentemente non todo o mundo tivo a sorte de facer fortuna en América, pero quen a tivo sempre tivo esa vinculación coa terra e sempre buscou que os que quedaron aquí  tiveran tamén mellor vida, igual que a que eles puideron conseguir alén do mar”.

A edil ribadense dixo que “polo tanto o Ribadeo Indiano é festa, festa bonita, moi boa festa, disfrute, diversión, pero tamén é recordo, é historia e posta en valor desde logo dun traballo desa xente que marchou, tanto da que fixo fortuna como da que non a fixo que, por desgraza, foi a maioría. Este ano o Ribadeo Indiano está un pouco dedicado no recordo deses adeuses, desas partidas, deses momentos duros nos que a xente tivo que deixar a súa familia, a súa terra, o pouquiño que tiñan para aventurarse nesa viaxe a terras descoñecidas, na maioría dos casos a pasalo mal. Pero a forza, o carácter, a necesidade dos ribadenses, e por extensión de todo o país, fixo en moitas ocasións que os que quedaron puideran disfrutar dunha vida mellor aquí”.

A responsable de Turismo en Ribadeo quere “convidar a toda a xente, moita xa coñece o Ribadeo Indiano pero a que non, a que se achegue a Ribadeo esta fin de semana a disfrutar”. Ata o domingo desenvolverase un intenso programa de actividades. Haberá música, representacións teatrais, visitas a casas indianas, paseos culturais ou mercado de produtos de ultramar, conferencias, xogos, entre outras.

O programa deste ano céntrase na xornada do domingo en A Devesa, como sinala a concelleira “probablemente a parroquia máis indiana do noso concello sexa a parroquia da Devesa, e polo tanto este Ribadeo Indiano remata precisamente nesta parroquia”.

Ana Martínez detallou que “a partires das dúas da tarde este domingo, no Círculo Habanero, haberá un xantar campestre no que a xente que queira asistir deberá comprar previamente o tícket tanto na Oficina de Turismo como no propio Círculo Habanero. Ás cinco da tarde poderemos disfrutar dun paseo cultural a través da viaxe entre A Devesa e Rinlo vinculando tamén estas dúas parroquias. Ás seis e media poderemos, no mesmo Círculo Habanero, asistir á representación teatral do grupo de teatro Pico do Castro de Foz, e ás oito e media teremos a actuación musical do Coro da Mariña. Para rematar este Ribadeo Indiano no Círculo Habanero disfrutaremos de verbena a partires das nove e media da noite”.

A concelleira de Turismo tivo palabras de agradecemento para tod@s os que implican nesta celebración: “agradecerlle moitísimo á xente que se está implicando en que Ribadeo estea precioso, engalanado, aos comerciantes, aos hostaleiros, á xente voluntaria que colabora con Acisa e co Concello, porque este evento está organizado da man dos comerciantes e do Concello de Ribadeo. Traballar xuntos para que un evento desta categoría sexa un éxito creo que tamén é para salientar. Desexar que a xente que se achegue a Ribadeo disfrute, que o pase ben, que este cuarto Ribadeo Indiano sexa unha lanzadeira para que o seguinte aínda poidamos disfrutalo máis”.