Augaxosa (Riotorto) celebra as festas de San Roque do 11 ao 13 de setembro, con feira de gando cabalar o sábado

O deputado provincial de Medio Rural, Daniel García, participou na presentación da Feira de Gando Cabalar, organizada pola Asociación de Veciños de Augaxosa, que terá lugar este sábado, día 12, coincidindo coas festas parroquiais desa parroquia de Riotorto, que se celebran do venres 11 ao domingo 13 de setembro.

A Vicepresidencia da Deputación, a través da Área de Medio Rural, anuncia que “contribúe ao desenvolvemento desta cita coa achega de 5.000 euros, fortalecendo así a súa colaboración coas feiras cabalares que se celebran na provincia, especialmente na Mariña interior, e favorecendo a continuidade dunha tradición estreitamente ligada ao territorio”. Neste senso Daniel García sinalou “o traballo da asociación veciñal á
hora de manter unha feira documentada desde o século XVIII, e
consolidada como unha das máis importantes da contorna e que, en
anteriores edicións, reuniu arredor de 200 cabezas entre cabalos, eguas
e poldros”.

A Vicepresidencia da Deputación tamén explica que “a inauguración terá lugar ás 9.30 horas e repartirá máis de 800 euros en premios para as ganderías que presenten un maior número de animais. Ademais contará cunha mostra de razas autóctonas, demostracións de cestería e torneado de madeira, animación con música tradicional e postos de téxtil e alimentación. Durante a xornada tamén se ofrecerán degustacións de hamburguesas de poldro de Pura Raza Galega, en colaboración coa Asociación de Criadores Puraga, como parte do programa de promoción de razas autóctonas Un gusto rural, un rural degusto. Na contorna da feira poderase ver tamén a exposición Gardiáns, de Jorge Arévalo, con imaxes que amosan o traballo diario nas ganderías, a pegada dos animais na cultura, os ciclos vitais ou as consecuencias dos lumes na actividade gandeira”.

As festas na honra a San Roque en Augaxosa (Riotorto) comezarán o venres 11 ás 21:30 horas cunha Pulpada Popular e verbena amenizada pola orquestra Saudade e DJ Bombardero.

O sábado, ademais, da feira de gando cabalar, celebrarase misa ás 13:30 horas e a continuación haberá procesión e sesión vermú co dúo Eclipse, que tamén actuará na verbena.

E para o domingo está programada misa ás 13:30 horas e a continuación haberá procesión e sesión vermú co dúo Venus.

 A organización dos festexos destaca que o campo está cuberto con carpa.