A Banda da Loba presenta en Viveiro o 28 de febreiro "Fábrica de Luz" e Teatro Noroeste chega o 29 con "As virxes salvaxes".

O grupo A Banda da Loba presenta este venres, 28 de febreiro, o seu disco Fábrica de Luz. A actuación terá lugar no Teatro Pastor Díaz ás 20:30 horas. O prezo da entrada é 7 euros na billeteira o propio día do concerto, a partires das 19:00 horas.

A formación está integrada por cinco mulleres e destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas. Todo isto baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do pop, do rock ou do folk. Fábrica de Luz é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. A lingua e a terra son as primeiras nais, fábricas de luz, como as nosas nais.

Tamén o Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá este sábado, 29 de febreiro, ás 20:30 horas Teatro Noroeste presentará As virxes salvaxes.

Trátase dunha comedia sobre a situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden. Aproveitando a entrada dunha nova interna nun destes centros, varias internas comezan a cuestionar a institución sen deixar nada en pé. O caos que xeran pon a realidade contra as súas propias contradicións, creando situacións tremendamente divertidas. A comedia como factor de crítica ante unha realidade que cada vez se amosa máis pechada en si mesma.

É unha obra escrita e dirixida por Eduardo Alonso, cun elenco artístico formado por: Luma Gómez, Elina Luaces, Rosa Álvarez, Imma Antonio, Ana Santos, Manuela Varela, Miguel Pernas e Fernando González.