A Biblioteca de Burela convoca o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2023. O prazo de presentación de traballos remata o 16 de maio.

A Biblioteca Pública Municipal de Burela  convoca o Certame de Narración e Debuxo Infantil “Letras Galegas 2023” na súa fase local, de acordo coas seguintes bases:

Poderán participar todas as nenas e nenos do Concello , haberá dúas modalidades, Narracións e Debuxos.

As Narracións, en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, sobre o tema “Libros para xogar, libros para vivir”. Hai libros que invitan a xogar: libros pop-ups, libros con sons ou mesmo con olores, libros para buscar e atopar, libros con xogos de enxenio… Mais tamén usamos os libros cando xogamos a ser mestres, ou escritoras ou mesmo cando xogamos a ter unha libraría ou traballar nunha biblioteca.

XOGAR+LER= VIVIR.

A outra modalidade do certame serán os DEBUXOS, feitos sobre papel ou cartulina DIN  A4, sobre o tema proposto anteriormente: “Libros para xogar, libros para vivir”.  

Cada autor pode presentar cantos traballos desexe, mecanografados, escritos a computador ou a man;  neste último caso sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo acompañarase unha folla co nome e apelidos e datos do autor ou autora.

Establécense tres categorías para participar: A, ata 8 anos, B de 9 a 11 anos e C,  de 12 a 16 anos.

O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro martes 16 de maio ás 20 horas, debendo ser entregados polos seus autores na Biblioteca Municipal de Burela.

O xurado , seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os traballos premiados nesta fase Local do certame participarán na fase provincial convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, Formacion Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.