Boyanka Kostova estrea o vídeoclip "Muinheira do interior", que foi rodado en enclaves da Mariña lucense como o porto de Morás, en Xove, e o Cenima, en Foz.

O dúo santiagués Boyanka Kostova, pioneiro do trap galego, ven de estrear o vídeo Muinheira do interior, que acompaña o lanzamento do seu novo disco Os dous de sempre.

O videoclip foi rodado no mes de marzo, antes da pandemia do Covid-19, e dirixido polo realizador Xaime Miranda. Contou ademais cos mariñáns Iago Vilarinho, como director de fotografía, e con Claudia Muiño, Sabela Blanco, Lucía Ramiro e Nuno Pico na produción.

A rodaxe levouse a cabo no porto de Morás en Xove e no CENIMA de Foz, nuns escenarios nos que destaca o contraste entre as arquitecturas e o colorido dos traxes, ao tempo que mestura a tradición, coas gaitas, o baile e os traxes, con elementos e paisaxes distópicas.

Na realización desta peza audiovisual o director contou coa colaboración como extras e corpo de baile de grupos folclóricos e culturais da zona: Grupo Folclórico Mistura de San Cibrao, A.C. Airiños do Xunco de Cervo, Agrupación Folclórica O Feitizo de Foz, A.C. Saiñas de Xove e co apoio loxístico do Concello de Xove.

O videoclip Muinheira do interior xa está dispoñible en Youtube.