Budiño presentará en Ribadeo o 9 de setembro o seu último traballo "Branca vela".

O coñecido gaiteiro Budiño presentará o seu último traballo Branca Vela o vindeiro sábado, 9 de setembro, ás nove da noite no barrio de San Roque. O concerto está enmarcado na programación das Festas Patronais de Ribadeo.

Budiño é un dos grandes expoñentes da música galega. Inspírase nos pequenos sabores da música de raíz, pero sempre coa intención de crear unha música con estilo propio. A súa constante innovación, mesturando os sons da música tradicional galega máis popular coa electrónica máis vangardista, levou ao músico e compositor a tocar en máis de 25 países.

Budiño estará este sábado en Ribadeo. A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, anima a asistir a este concerto “dun dos grandes referentes da música galega. Oito discos e diversidade de premios avalan a súa traxectoria. Este é un dos pratos fortes das Festas Patronais de Ribadeo 2023, que ninguén debería perder. Agardámosvos a todos no barrio de San Roque o vindeiro sábado, 9 de setembro, ás nove da noite”. 

O concerto de Budiño está patrocinado polo Concello de Ribadeo e pola Xunta de Galicia.