Burela acolle do 5 ao 7 de agosto a XX edición de Produart, que organiza a Fundación Expomar e que coincide coa XXXVI Feira do Bonito.

Tralo éxito da súa última edición en agosto de 2019, esta fin de semana volve celebrarse en Burela a vixésima edición de PRODUART, a Feira dos produtos artesanais e ecolóxicos que organiza anualmente a Fundación Expomar.

A conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, xunto co presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, inaugurará este venres ás 17:30h na nave de redes do porto de Burela a primeira edición despois do parón obrigado pola pandemia.

Produart persiste como plataforma de exposición comercial-feiral para poñer en contacto a produtores, comerciantes e consumidores que apoien o desenvolvemento dos recursos dende a óptica da sustentabilidade e da conservación do medio. O evento pretende reflexar os valores da sustentabilidade dos nosos recursos pesqueiros, tradición artesanal e patrimonio cultural, servindo como reclamo da actividade turística da zona, que busca a calidade e aposta por este xeito de vida.

A feira promociona os produtos locais, artesanais e tradicionais, e tamén aqueles produtos anovadores que difunden e recuperan a cultura ecolóxica, cunha clara intención de estimular e fomentar iniciativas, recursos e produtos que se atopen no marco da economía sustentable.

Nesta nova edición destaca a celebración dunha conferencia sobre «A pesca ante a eólica mariña», problemática sobre a que debatirán o sábado ás 13:00h Torcuato Teixeira, portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, e Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofradías e Patrón Maior da Confraría de Burela.

Desde o venres pola tarde ata a noite do domingo, a nave de redes do porto de Burela acollerá a 44 expositores de diversa orixe, desde artesanía tradicional e produtos naturais-ecolóxicos, alimentación (tanto perecedeira como elaborados e conservas), artesanía, natureza e medio ambiente.

O programa desta edición inclúe tamén actividades infantís, demostración de encaixe de bolillos e actuación musicais, que se suman á multitude de actividades de ocio que cada ano rodean á celebración da Feira do Bonito.

A entrada á feira é gratuíta e desde a Fundación Expomar agardan que esta cita sexa un novo éxito tanto de asistencia de público como de actividade comercial para os diferentes expositores, ademáis de agradecer a colaboración da Xunta de Galicia por medio da Consellería do Mar, da Deputación Provincial de Lugo, do Concello de Burela e de todos os patróns que forman o patronato da Fundación.