
A Casa da Cultura de Burela acollerá este venres, día 10 de abril, ás 21:00 horas a representación da obra teatral Testosterona, protagonizada por Camila Bossa e Luis Iglesia.
O Concello de Burela anuncia que é “unha proposta escénica que mestura comedia e reflexión arredor dun tema de plena actualidade como é a desigualdade laboral por cuestión de sexo. A obra de Sabina Berman, dirixida por Xoque Carbajal, parte dunha situación sinxela pero cargada de significado. O director dun importante medio de comunicación debe decidir quen ocupará o seu posto entre dúas persoas candidatas, un home e unha muller. A partir deste punto, o espectáculo afonda en cuestións como a capacidade profesional, a experiencia, o talento ou os prexuízos, poñendo o foco nas dificultades ás que se enfrontan as mulleres á hora de acceder a postos de responsabilidade. Testosterona propón unha mirada crítica á sociedade actual, cuestionando os modelos de poder tradicionalmente establecidos e as expectativas que recaen sobre homes e mulleres no ámbito laboral. Faino, ademais, cun ton accesible e cheo de humor, o que permite que o público se achegue a esta realidade dende unha perspectiva entretida, pero tamén reflexiva”.
Tamén explica que “o espectáculo está pensado para un amplo abano de público e destaca tamén pola súa posta en escena e polo traballo interpretativo dos seus protagonistas. No escenario estarán dous rostros moi coñecidos do panorama audiovisual galego: Camila Bossa e Luis Iglesia. Bossa, actriz cunha ampla traxectoria en televisión, cine e teatro, acadou gran popularidade pola súa participación en series como Mareas Vivas ou Matalobos, ademais de contar con diversos recoñecementos como varios Premios Mestre Mateo. Pola súa banda, Luis Iglesia, tamén cunha sólida carreira interpretativa, é recoñecido polo público polos seus papeis en series como Matalobos, onde deu vida a Carmelo Matalobos, así como por numerosos traballos en teatro, cine e dobraxe”.
A función está dirixida a público maior de 14 anos e terá un prezo de entrada de 5 euros, que poderán adquirirse na billeteira da Casa da Cultura dende unha hora antes do comezo do espectáculo.


