Burela estará presente na Feira Semana Verde de Galicia en Silleda do 3 ao 5 de setembro. O domingo haberá unha degustación de bonito.

O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, anunciou que “este fin de semana estaremos na Feira Semana Verde de Galicia, que se vai desenrolar en Silleda. Imos ter un stand onde imos promocionar a Feira do Bonito. Quero agradecer a Ledicia, que vai ser a encargada da degustación de bonito que imos facer o domingo, ás doce e media. Xa é a terceira vez que a facemos, sempre foi un éxito e esperemos que este ano tamén siga funcionando, a pesar das restricións sanitarias que nos imos encontrar na feira. A Semana Verde é unha feira á que asiste moitísima xente, penso que é moi interesante para Burela polo público que queremos traer aquí. Imos intentar promocionar tanto a Feira do Bonito como os outros atractivos turísticos que temos”.

O edil burelés engadiu que “seguimos avanzando e cada vez tendo máis xente que ten interese en vir pasar as súas vacacións en Burela. A xente que ven á Mariña non ven especialmente a un sitio, senón que temos unha riqueza enorme e os visitantes desprázanse de un lado para outro para ver eses recursos turísticos que temos en toda a comarca. En Burela foi un verán moi positivo, esperemos que sigamos así, este ano foi de recuperación turística e confiamos en seguir medrando e traballando para que cada vez teñamos un pobo máis atractivo e que a xente queira vir aquí a pasar as súas vacacións”.