Burela promociona a súa memoria histórica mariñeira con visitas guiadas á Moncloa durante o mes de setembro.

Desde este mes de setembro, Burela invita a facer una viaxe no tempo visitando no porto o local da Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns, coñecido como "A Moncloa". Esta é unha actividade que organiza a Fundación Expomar e na que colaboran as delegacións do Mar e Turismo do Concello de Burela, a Cronista Oficial do Concello de Burela, Herminia Pernas, e a propia Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns «A Moncloa».

As visitas terán lugar os xoves e venres de catro a seis da tarde e os sábados e domingos de dez a doce da mañá. O público ao que van dirixidas non é só aos turistas que visitan a vila, senón tamén aos propios veciños de Burela, para animalos a achegarse e coñecer de primeira man os cimentos do “Orgullo Mariñeiro” do seu pobo.

A bordo dos recordos dos vellos mariñeiros poderanse coñecer as anécdotas e historias que forman o patrimonio cultural de Burela e de paso admirar a grande exposición de fotografías, maquinaria e artes de pesca que gardan no interior desta “Moncloa”.

A Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns “A Moncloa” fundouse no ano 2008 para cubrir a necesidade de manter o vínculo coa que fora a súa vida no mar e cos seus compañeiros de logros e sacrificios, poñendo en valor o seu duro oficio, porque “quen foi mariñeiro non deixa nunca de selo”.

Á presentación destas visitas, que tivo lugar na propia sede social da asociación, na entrada do porto e fronte á Oficina de Turismo de Burela, asistiron os propios membros da “Moncloa”, ademais de representantes da Fundación Expomar e o Concello de Burela.

Alfredo Llano, alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar: "Ademais de dar a coñecer a nosa historia e recuperar o noso patrimonio cultural, con esta actividade queremos facer un recoñecemento ás xentes do mar: gracias ó seu labor Burela é hoxe un referente económico en toda a provincia".

José M. González 'Brais', xerente da Fundación Expomar, inclúe esta iniciativa dentro do seu obxectivo de promocionar o sector náutico pesqueiro local: “Que mellor maneira de facelo que honrando aos seus verdadeiros protagonistas! A xente que fixo posible que Burela e o seu porto sexan hoxe un referente no mundo da pesca”.

Carmela López, concelleira de Mar do Concello de Burela: "Os mariñeiros da “Moncloa” son hoxe a segunda Oficina de Turismo de Burela, e gracias a eles e á súa memoria non esquecemos o noso pasado mariñeiro".

Ramiro Fernández, concelleiro de Turismo do Concello de Burela, celebra a posta en marcha desta nova acción: "Esta é unha actividade que axuda a complementar o traballo feito co Barco Museo, que este ano bateu record de visitas e xa é un referente turístico non só de Burela, senón de toda a comarca".

Herminia Pernas, cronista oficial do Concello de Burela e secretaria da Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns A Moncloa: "Esta actividade dalle continuidade ao traballo que a asociación xa viña facendo, e coa que se quere destacar aínda máis que Burela, ademais de ser “bonita”, nunca perda a súa esencia e orgullo mariñeiro”.

Ao finalizar a presentación tamén se proxectou un vídeo realizado por Arracada Produccións con intervencións de antigos mariñeiros xa falecidos de Burela e que falaban sobre a historia da pesca, do porto e das xentes do mar da vila... un aperitivo do que estas visitas á “Moncloa” poden ofrecer aos visitantes.

VER VÍDEO: https://youtu.be/KmsnoT3-Foc