Burela, San Ciprián e Viveiro serán escenario do 7 ao 13 de maio do Campionato de España de Baloncesto de Clubs na categoría junior feminina.

Satisfacción no Concello pola designación de Burela como unha das tres sedes do Campionato de España de Baloncesto de Clubs na categoría Junior Femenina. Viveiro, San Ciprián e Burela acollerán este nacional entre os días 7 e 13 maio. O concelleiro de Deportes e Turismo, Ramiro Fernández Rey, subliña a repercusión económica que terá para Burela a celebración deste evento deportivo. 

O edil burelés dixo: “esta é unha noticia estupenda para Burela. Estamos diante dun campionato de baloncesto de nivel moi alto, que pensamos que terá unha repercusión económica moi importante no noso pobo. Estamos a falar dunhas 500 persoas entre xogadoras e corpos técnicos e mais os seus acompañantes, en total unhas 1.500 persoas se moverán eses días por esta zona. Agardamos para eses días unha ocupación hoteleira do 100% e o sector hostaleiro e da restauración será un dos grandes beneficiados deste evento. Burela aproveitará todo o tirón mediático deste evento para a promoción turística do noso pobo”.

O concelleiro de Deportes sinalou que “a nivel deportivo imos ter por aquí ás mellores xogadoras de baloncesto junior de España, moitas delas en anos próximos estarán xogando en ligas universitarias tan importantes como as americanas e outras chegarán á selección española absoluta de baloncesto feminino”.

Fernández Rey incidiu en que “desde Burela daráselle visualización ao baloncesto feminino, que tamén ten moita repercusión aquí no pobo por mediación do Baloncesto Burela. E dicir que o deporte feminino está moi representado e implantado aquí co Burela FS. Desde o Concello apostamos decididamente polo deporte feminino e por visualizalo e este evento é a mellor ocasión que podemos ter para demostralo con feitos”

O concelleiro de Deportes e Turismo comentou que “é unha alegría recibir a confirmación desta noticia na que xa levabamos tempo traballando. Será importante para o deporte de Burela e da nosa comarca e tamén para a promoción turística que suporá tamén para as tres sedes que acollerán a celebración deste Campionato de España de Clubs. Non dubidamos en ningún momento que Burela tiña que estar na organización deste campionato pola súa repercusión a nivel promoción, deporte e económica”.