Carme Adán presentará o 16 de marzo en Ribadeo o libro "Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión".

Seguen as actividades programadas pola Concellaría de Igualdade para este ano. Carme Adán presentará o libro Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión este sábado, 16 de marzo, ás 12 da mañá no salón de actos da Casa do Mar. Xunto á autora estará a concelleira Mariluz Álvarez Lastra. 

Desde o CIM e desde a Concellaría de Igualdade explican que “tras o éxito acadado na manifestación en Ribadeo e na convocatoria de folga xeral das mulleres, a Concellaría de Igualdade continúa coas actividades programadas ao longo deste ano. Seguimos con accións coeducativas nos centros educativos. Onte, 11 de marzo, en colaboración co CIFP Porta da Auga organizouse un contacontos para o alumnado de infantil do Colexio Público Gregorio Sanz e do Colexio Sagrado Corazón de Xesús.  Esta actividade foi impartida polo alumnado do segundo curso do ciclo de Educación Infantil do CIFP Porta da Auga. Está encadrada dentro da súa formación no eido da educación infantil, polo tanto é unha práctica e experiencia formativa importante e ao mesmo tempo contribúe a que os nenos e nenas de infantil dos centros educativos do Concello se vaian empapando de igualdade. O conto elixido nesta ocasión foi Hai algo máis aburrido que ser unha princesa rosa?”.

E engaden desde Igualdade que “o sábado teremos a presentación do libro Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión, de Carme Adán. Analiza a violencia contra as mulleres, as novas formas que adopta o patriarcado e a importancia que teñen as palabras para que a sociedade tome conciencia. Carme Adán presidiu a Aula Castelao de Filosofía desde 1997 ata 2005. Durante os anos 2005-2009 desempeñou o cargo de secretaria xeral da Igualdade no Goberno galego. Foi presidenta da Unidade Muller e Ciencia de Galiza entre 2007 e 2009. Durante a VIII e IX Lexislatura foi deputada no Parlamento galego polo BNG. Publicou Feminismos e coñecemento (2003), traducida ao castelán en 2006. En 2011 recompilou en Cartografías do derrubo dous anos de actividade xornalística na sección de opinión do Xornal de Galicia. Na actualidade exerce como catedrática de Filosofía no IES Politécnico de Vigo e coordina a sección de Pensamento e  Sociedade do Consello da Cultura Galega”.

E o 31 de marzo terá lugar o espectáculo teatral Anatomía dunha serea, da compañía teatral Chévere que versa sobre a violencia obstétrica.