Cervo pechará o Campionato Galego de Rallies de asfalto o 12 de decembro. Discorrerá por un treito de 10 quilómetros.

O Concello de Cervo acollerá a última carreira do Campionato Galego de Rallys, que terá lugar este vindeiro sábado, 12 de decembro; e que decidirá o título.

O II Rally da Mariña, organizado pola escudaría Mix Rally, e que conta coa colaboración do Concello de Cervo; discorrerá por un tramo de 10 quilómetros no noso termo municipal; a saída será desde diante da fábrica de Sargadelos e a meta na zona do Castelo. Os pilotos farán tres pasadas por este traxecto: unha ás 9:54 horas, outra ás 14:08 horas e a derradeira e que pechará o campionato, ás 18:22 horas.

Por motivos de seguridade, para poder seguir a carreira como público desde os diferentes puntos habilitados é OBRIGATORIO rexistrarse na páxina https://rallyemarina.wordpress.com/resixtro-covid-publico/.

A proba poderá seguirse tamén en directo a través da páxina https://www.facebook.com/mixrallyesports. 

Tal e como precisou o edil de Deportes, David Rodríguez, “decidimos apostar de novo por traer este evento deportivo a Cervo, coñecedores da gran afección que hai ao mundo do motor no noso municipio; e tamén porque a raíz do COVID-19 a gran maioría das actividades deportivas, culturais e sociais se viron moi limitadas nestes meses; polo que un espectáculo como este, no que se garanten todas as medidas de prevención e seguridade e que ademais se pode seguir por “streaming” é un bo escaparate para dar a coñecer o noso Concello e tamén unha alternativa de ocio seguro para a veciñanza, sempre e cando  se respecten todas as indicacións establecidas, “no que queremos facer un especial fincapé para desfrute de todos”.

Restricións de tráfico
O tramo de Cervo partirá de diante da Fábrica de Sargadelos, con dirección ao Campo da Bidueira, A Senra, Barxa, cruce de Castelo, Igrexa, O seixo, Gondrás e rematará na zona do Castelo.

Como medida de seguridade e para garantir o bo discorrer da proba pecharase o tráfico nestas zonas, o sábado 12 de decembro, desde as 8:50 horas ata as 22:00 horas, aproximadamente; con aperturas entre pasada e pasada (estímase que estará aberto entre as 11:40 e as 13:15 horas e entre as 15:53 e as 17:55 horas)