Cervo renderalle homenaxe a Rosalía de Castro cunha representación teatral o 8 de marzo, Día da Muller, na Casa da Cultura.

No Día de Rosalía o Concello de Cervo, a través da delegación de Cultura, anunciou que ofrecerá unha obra de teatro dedicada á escritora, o 8 de marzo, coincidindo co Día da Muller

"Rosalía" é moito máis que un achegamento teatral á súa vida e á súa obra. É un espectáculo necesario.

Nesta montaxe, os nenos e nenas descubrirán en Rosalía a unha rapaza alegre, forte e curiosa como eles/as, que vive, xoga e goza no país da infancia.Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos de Primaria -e para as súas familias e docentes- por mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras.

Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlles ás nenas e aos nenos que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.

A representación teatral, dirixida por Fina Calleja e protagonizada por Cris Collazo e Rocío González, terá lugar, como se dixo, o 8 de marzo, Día da Muller, no auditorio da Casa da Cultura, ás 19:00 horas. A entrada é libre.